Cultura mutante en Pontevedra

Hai un novo Liceo en Pontevedra, pero este non celebra bailes de gala nin presentacións en sociedade. Está comandado por un grupo de mutantes, pero non temas, non son perigosos. Eles tamén danzan, pero ao ritmo de Holywater, Le singe blanc, MLK ou Efecto doppler. En Mollabao, detrás dunha igrexa evanxelista, teñen a súa morada, un refuxio para a cultura e a música emerxentes. Benvidos ao Liceo Mutante.

Liceo Mutante en Pontevedra

Atopamos a Gonzalo Piñeiro e a José Biempica, vicepresidente e tesoureiro da Asociación, respectivamente, afanados na organización do concerto desa noite. É venres e acollen a Lendrone. Pero non traballan sós, porque o Liceo Mutante é sobre todo o resultado de moitos esforzos. Naceu como asociación o pasado verán, e en tan só 6 meses pode presumir de contar con 1.500 socios e de celebrar concertos como o do pasado sábado, con Holywater. O ‘líder espiritual’ é Xose Lois García, Presidente, quen durante anos, e tras coñecer experiencias deste tipo en Barcelona, intentaba convencer aos seus amigos de que había que montar unha asociación cultural. Un bo día decidiuse a dar o paso, convocando a todos aqueles que mostraran interese na idea. Unhas 20 persoas presentáronse á cita, e desde entón non paran de sumarse novos mutantes.

Gonzalo Piñeiro explica que a Asociación naceu coa filosofía de encher un oco na escena cultural pontevedresa. “Se non vas a Karma é moi difícil facer concertos, porque os locais, aínda que teñan licencia, pois non se atreven ou non lles dá a gana ou o que sexa. Aínda que non é só de concertos nace coa idea principal de ter un sitio onde facer concertos independentes, de xente que non vai ir tocar a Karma de primeiras”.

Liceo Mutante en PontevedraUnha pregunta inevitable é a do nome. José explica que nunha entrevista o Presidente afirmara que era “un pouco irónico sobre algunhas organizacións… “, “casposillas?”, anota alguén. “Tampouco as imos chamar así, digamos organizacións arcaicas”, ironiza Gonzalo. “O do Liceo é sobre todo unha broma para darlle unha seriedade que non ten, pero o de mutante si que ten que ver un pouco co que queremos facer: cambiar algo, que sexa algo moito máis flexible, máis moderno”, engade José.

Hai dúas formas de ser socio do Liceo Mutante: aboar 10 euros mensuais e converterse en ‘mutante’, o que dá dereito a asistir gratuitamente a todos os concertos, ou ser Socio Y, sen achegas fixas, senón pagando a entrada aos concertos aos que se asista. Os socios mutantes, que nestes momentos son sobre 40, participan ademais nas asembleas que cada mes realizan e nas que votan todos os asuntos que afectan á asociación.

“Estamos moi contentos porque sobre todo agora en inverno non esperabamos que tivese esta acollida, e que por exemplo un martes fixésemos un concerto e estivese cheo. A Xunta e a Asemblea en xeral só poden agradecer o esforzo da xente”, subliña José. Cando comezaron a súa andaina, alá por xuño, visitaron distintos locais, e finalmente decantáronse polo que agora ocupan, no nº 100 da rúa Rosalía de Castro, en Mollabao, un lugar con moitas potencialidades, pero unha chea de traballo que facer. Entre todos reconstrúen este espazo, degradado polo paso do tempo: coidan o xardín, acondicionan os interiores, e colocan os mobles que socios e incluso veciños doan á asociación, como a barra, que pertencía a unha tenda de ultramarinos veciña.

Ademais dos concertos, o Liceo Mutante organiza ciclos de cinema (en febreiro explorarán creacións de Godard, Marker ou do Grupo Dziga Vertov ao redor da fábrica), campionatos de ping pong mutante e obradoiros de fotografía, Warhamer, reciclaxe, e proximamente, serigrafía. Segundo afirman, están “abertos a todo tipo de propostas”, e pretenden tamén organizar exposicións. Polo de agora, están proxectando facer un mural no túnel da entrada ao local, para o que están contactando con xente da Facultade de Belas Artes.

O balance destes primeiros meses de vida é para Gonzalo moi positivo: “o cambio que demos a isto, e toda a evolución da asociación é impresionante, eu flipo”. José salienta “as consideracións e as palabras da xente”. “Lin unha crítica o outro día que dicía que eramos un trampolín para escena musical galega grazas ao esforzo colectivo da xente, e estas cousas enchen”. Un traballo de moitos que parece que está a cumprir o seu obxectivo: contribuír a mutar a cultura na capital do Lérez.

* Máis sobre o Liceo Mutante no seu Facebook ou na súa web.

Fotos |David Tombilla e Andrés Fraga

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *