Es un moderno e non tes que agochalo. Máis ben todo o contrario! Somos un medio de tendencias, uns modernos (veña, si, tamén o asumimos e o confesamos), e non facemos máis que falar desas cousas tan in que che marcarán para sempre como un hipster. Que deixa bigote, que viste ao neno de moderno cun xersei de tartaruga intelectual, que ignora as pendentes mortais das cidades galegas coa fixie, que bebe xerez (o anís nunca fomos quen de recomendalo…) e que baila swing ata caer redondo cun vestiario claramente vintage… Na Disquefesta non che quedará máis remedio que sacalo todo do armario, procurar o mellor de todo (o equivalente hipster da roupa de domingo, xa nos diredes como o bautizamos) e achegarte a nós feito un primor. Os máis modernos, os do look máis acabado, os máis elegantes, os máis estilosos… Eses terán o seu premio.
Isto funcionará así: vós poñédesvos de punta e branco e, cando cheguedes á Disquefesta (xa sabedes: o día 15 de setembro no Liceo Mutante de Pontevedra) facédesvos os encontradizos co noso fotógrafo (si, será un moderno máis cunha cámara, pero é facilmente recoñecible porque a súa cámara é das de verdade). Poñedes a vosa mellor cara (aínda que o importante é o estilismo, de verdade) e nós subiremos a vosa foto ao noso perfil en Facebook. Alí os nosos seguidores poderán votar gústame mediante e escoller aos mellores hipsters. Os gañadores levarán un diploma que os acreditará como os modernos máis modernos e estilosos e unha chea de agasallos marabillosos e xeniais. O pack gañador (e haberá dous) incluirá disquebolsa, disquechapas e un misterioso agasallo digno dun moderno de manual e do que pronto vos daremos algunha pista.
Se o de vestirvos de modernos non é o voso, non desesperedes. Temos outra alternativa na que o truco estará en disfrazarse: non hai que ir vestido de punta e branco da casa… no noso photoboth atoparedes unha chea de complementos (bigotes, por suposto, pero tamén sombreiros moi míticos e outras cousas moi sorprendentes) para que poidades darlle o efecto final ao voso look. Con todas esas melloras poderedes facervos todas cantas fotos queirades e compartilas – por suposto – en redes sociais.
Foto | La’J