Enche o noso buzón de creatividade! Convocatoria Disquecool de Arte Postal

Convocatoria Disquecool Arte Postal

Algo xa vos adiantamos nas redes sociais…collede lapis e axenda, e anotade o día 15 de setembro: Disquefesta!! Estamos preparando unha completa xornada de actividades de todo tipo que che iremos contando pouco a pouco. Para ir abrindo boca, desvelámosche que o evento festivo desenvolveranse na casa dos nosos amigos do Liceo Mutante, en Pontevedra. Como en toda celebración, a música será importante, pero ademais temos previstas moitas outras iniciativas nas que nos gustaría contar contigo. A primeira que anunciamos é a Convocatoria Disquecool de Arte Postal. Queremos traspasar esta pantalla que nos conecta, e saber de ti a través dun medio máis analóxico. A nosa caixa de correo está triste porque só recibe facturas e algún folleto promocional. Gustaríanos que se enchese de creatividade, encantaríanos que nos enviases a través do correo postal, unha, dúas ou ata tres expresións artísticas. A modo de coleccionistas, con todas as obras recibidas montaremos unha exposición, que inauguraremos o día da Disquefesta. Se xa estás na procura de sobres, postais, papeis ou lenzos, infórmate a continuación das bases da convocatoria. Agardamos impacientes a chegada do carteiro!

CONVOCATORIA DISQUECOOL DE ARTE POSTAL

Que é a arte postal?

A Arte Postal (AP), en inglés Mail Art, é un movemento planetario de intercambio e comunicación a través do medio postal. Algúns din que a súa primeira manifestación tivo lugar cando Cleopatra decidiu enviarse a si mesma a Xulio César envolta nunha alfombra, aínda que os seus comezos oficiais datan da década dos anos 60 (século XX), cos neo-dadaístas e o grupo Fluxus. Foi nese momento no que, como resposta ás xerarquías existentes no mundo da arte, os artistas empezaron a enviarse obras por correo, sen máis intermediarios que os propios empregados do servizo postal.

O feito de utilizar este medio de transporte condiciona as características do obxecto a enviar, en canto a tamaño, peso ou forma. Na Arte Postal arte e comunicación fúndense no envío, primando en cada ocasión, e dependendo de cada artista postal, unha sobre a outra, ou establecendo unha compensación entre ambas características.

Esta convocatoria segue os principios da AP:

Liberdade de expresión. Aínda que ás veces se establecen temas determinados, o artista postal ten liberdade absoluta para o exercicio da súa actividade.
Non hai seleccións nin xurados. Todos os traballos recibidos no marco da convocatoria expóñense, sen limitacións.
Non hai vendas. O diñeiro e a AP non se levan ben. Os traballos enviados permanecen en poder dos seus receptores en forma de arquivos, e estes teñen o dereito de expoñelos, coleccionalos ou dispor deles como desexen, cunha certa obriga entendida de preservalos e conservalos do mellor xeito posible.
Calquera pode participar. Non é necesario ser artista profesional.

BASES DA CONVOCATORIA

.- Tema. O tema proposto para esta convocatoria é a creatividade.
.- Técnica. Os artistas son libres de utilizar calquera técnica (pintura, debuxo, fotografía, collage, poesía visual…).
.- Medidas. Calquera aceptada polos servizos postais, máximo DIN A4 (29,7 x 21 cm, ou 21 x 29,7 cm).
.- Nº traballos. Cada artista pode enviar ata un máximo de 3 traballos.
.- Enderezo de envío. As obras deberán ser enviadas a:

Simbolóxico
Rúa de San Pedro, 36, baixo.
15703 Santiago de Compostela (A Coruña)
España

.- Datos. As obras deberán acompañarse da seguinte información:

– Nome e apelidos da persoa autora, grupo ou colectivo.
Se prefires que a obra apareza con pseudónimo ou de xeito anónimo terás que indicalo.
– Título da obra. É opcional acompañalo dun breve comentario sobre a creación.
– Datos de contacto: enderezo postal e email.
– Blog / web … Se queres que figuren na exposición deberás indicalo.

.- Espazos expositivos. A convocatoria inclúe dous espazos expositivos: online e físico

Online. A recepción de traballos non ten data límite. Todos os traballos exhibiranse na
web de Disquecool e/ou nas redes sociais do medio
Física. Os traballos deberán chegar ao enderezo indicado como data límite o 13 de setembro. Todas as obras recibidas ata esa data formarán parte dunha exposición que albergará a sede da Asociación Cultural Liceo Mutante (Rúa Rosalía de Castro, nº 100. 36002 Pontevedra, España). A exposición inaugurarase o 15 de setembro, coincidindo coa Disquefesta que Disquecool e o Liceo Mutante celebrarán ese día.

CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN

.- Non se realizará ningunha selección.
.- Os contidos ofensivos serán rexeitados.
.- As obras non estarán á venda e non serán devoltas. Quedarán en poder de Disquecool, quedando a colección a disposición de institucións e persoas físicas se así o solicitan, de cara a posteriores exposicións, estudos e traballos de investigación.
.- Os artistas terán notificación de futuras mostras da colección.
.- As obras non terán seguro. A organización non sei fai responsable das posibles perdas ou deterioracións dos orixinais, nin das tardanzas ou calquera outra circunstancia imputable a terceiros, que poida afectar aos envíos das obras participantes.
.- A propiedade intelectual é das autoras e autores das obras, e o dereito de reprodución e copia das persoas autoras e da organización.

RESUMO DATAS IMPORTANTES
4 de xullo – apertura de convocatoria
13 de setembro – data límite para a recepción postal de obras
15 de setembro – inauguración da exposición

MÁIS INFORMACIÓN

lucia@disquecool.com (ou info@disquecool.com) / www.disquecool.com

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *