Un deus salvaxe, hipócrita e pouco civilizado

Se deus nos fixo á súa imaxe e semellanza, ten que ser salvaxe, hipócrita e moi pouco civilizado. Esa tese, que insinúa un dos personaxes da última película de Polanski, ‘Un deus salvaxe’, é a conclusión do filme enteiro.

Para chegar a ela móstrasenos a dúas parellas resolvendo un conflito. Tras unha rifa entre nenos, na que un deles rompe os dentes ao outro, os pais quedan na casa da vítima para tratar de solucionalo. E ao principio parece que o fan, a educación e a cortesía impera e todos se congratulan de ser tan razoables. Pero pronto descubrimos ao verdadeiro “eu”  e o certo é que deixa moito que desexar.  Os pais acaban discutindo non só entre si, senón incluso no seno das propias parellas. E bastante borrachos.

Deixando de lado se estamos ou non de acordo coa premisa que presenta,  o certo é que o filme desenvolve un tema que é apaixonante: como baixo o noso verniz de sociedade civilizada latexa a agresividade e o egoísmo. Podería desenvolvelo mellor? Quizais.

O filme transcorre nunha única sala (con efémeras excursións á entrada e ao baño) nunha gran escena de 89 minutos que se sustenta no diálogo. Podería ser unha obra de teatro porque é con esa linguaxe coa que se está xogando (o que é lóxico se pensamos que é unha adaptación dunha famosa obra teatral de Yasmine Reza). E ollo, os diálogos son rápidos e agudos, non é que aburra en ningún momento. Sen embargo, un ten a sensación de que o tema ten aínda máis xugo que non se da espremido.

E é que ao fin e ao cabo, as personaxes, todas relativamente cribles e maxistralmente interpretadas -participan as archifamosas Jodie Foster e Kate Winslet, xunto con Christoph Waltz e John C. Reilly -, acaban sendo un pouquiño tópicas. O avogado é o cínico (e o que mellor cae por iso). O home que parece afable e “calzonazos” síntese no fondo oprimido pola súa realidade marital. As mulleres teñen ou finxen sempre a maior das sensibilidades. Todo iso xa o temos visto e non ilumina.

Agora ben, se pretenden só divertirnos un rato mostrando algunhas incongruencias dos que nos declaramos civilizados, funciona á perfección.

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *