‘Arrugas’ é o archifamoso cómic de Paco Roca (‘Arrugas’ editado por Astiberri, pronto ‘Engurras’ en galego por El Patito Editorial), onde trata un tema moitas veces esquecido na maioría dos produtos culturais: a vellez. Valeulle o Premio Nacional do Cómic en 2008, críticas moi positivas e numerosas propostas para levalo ao cine.
A produtora coruñesa Perro Verde Films conseguiu finalmente sacar unha desas propostas adiante e en breve (a partir do 27 de xaneiro) poderemos gozar de ‘Arrugas’ na gran pantalla. Os que xa a puideron ver afirman que é tan boa coma a novela gráfica, e de feito, está preseleccionada (polo momento con outras 17 películas) para a categoría de animación dos premios Oscar.
‘Arrugas’ cóntanos a chegada de Emilio, un señor con alzheimer incipiente, a un xeriátrico. Alí, axudado por outros anciáns, fará todo o posible por non acabar “no piso superior”, onde van os que xa non poden valerse por si mesmos. Trátase dun tema duro, pero o ton é tenro, comedido e humano, sen cebarse no lacrimóxeno e sen facernos perder o amor pola vida.
E é que un dos seus puntos fortes é o feito de contarnos algo cotián, que todos coñecemos, pero que ao mesmo tempo non ten sido nada trillado nin en cómic, nin en cine, nin en literatura. E é que hai moi poucas historias sobre a vellez, onde os únicos protagonistas sexan os maiores, e o único punto de vista, o seu. Paco Roca comenta que esa foi unha das razóns que lle levaron a escribir ‘Arrugas’: “Eu sempre escribo cómics sobre temas que me preocupan, e agora que os meus pais van maiores, que comezan a ter os seus achaques, quería saber que pensan eles e este cómic foi, en parte, unha escusa para tratar de comprendelos mellor“.
Esta longametraxe de 80 minutos en animación 2D respecta en moito as personaxes, a historia e o debuxo de Paco Roca. Pero ante a conversión dun cómic en peli, sempre xorde a mesma dúbida: vai aportar algo? O autor da novela gráfica cre que si. “Ao principio dá un pouco de medo, é como deixar ao teu pequeno en mans de descoñecidos, non sabes como o farán, aínda que me relaxei cando coñecín a Manuel Cristóbal (produtor) e os seus plans, e agora sinto que ese neno do que falaba enriqueceuse, é máis maduro e máis listo”.
Esa metáfora sirve para explicar que a historia do cómic creceu gracias ao traballo de Ignacio Ferreras (o director do filme), os actores e a música (composta por Nani García), factores que contribuíron a dotar de outra profundidade á narración: “O cine ten máis matices, é cando os actores poñen a voz, é un paso definitivo, porque os meus debuxos de repente cobran vida“.
Aínda así, a película é moi fiel ao cómic, na liña do filme ‘Persépole’ baseado no cómic de Marjane Satrapi, que tanto Paco Roca como Manuel Cristóbal tiveron en mente coma exemplo: “O cómic é moi bo, e a adaptación ao cine é fiel entre comiñas, porque ante todo é unha boa película como ente independente“.
Paco Roca afirma que con ‘Arrugas’ pasa exactamente o mesmo. Teremos que esperar ata febreiro para comprobalo, pero o certo é que este filme promete.
Fotos | Arrugas
Tiene buena pinta, aunque no leí el cómic.