Magma, a auga que nunca viu a luz

Non é auga con gas e aínda así atopámonos no seu interior con finas burbullas. Magma, a nova auga de Cabreiroá, é un concepto tan novo e antigo á vez que resulta difícil de clasificar. Novo porque se presenta nun innovador envase de aluminio e porque propón algo totalmente innovador: auga que o consumidor expón por primeira vez á luz ao abrir a botella. Antigo porque o líquido leva centos de anos agochado no manancial de Verín.

Esta bebida premium, que se suma á moda das augas gourmet, é en realidade auga de agulla. Magma nace na falla de Regua Verín, a 3.000 metros de profundidade, e é o resultado da filtración da auga co gas de combustión do magma subterráneo.

A simple vista poderás distinguir no seu interior finas burbullas deste gas carbónico natural que desprende o magma terrestre, pero cando a probes apenas o notarás. Por este motivo, Magma gusta a moita xente que normalmente non é consumidora de auga con gas. Así o confirman nun establecemento de restauración de Vigo que comercializa Magma no que nos explican que moitos clientes que a priori afirmaban que non lles gustaría o seu sabor ao ver as burbullas, agora son incondicionais desta bebida. Tamén, como é lóxico, o seu sabor non convence a todo o mundo, empezando pola camareira que nos atende.

Magma non é moi fácil de conseguir. Tras varios intentos en supermercados atopámola no recuncho gourmet de Hipercor por un prezo de 3 euros (envase de medio litro). A botella é negra e de tacto suave e o peche é de maxicrown (o que están a utilizar ultimamente moitas cervexas). O sabor é inesperado. Magma é lixeira e ten unha textura agradable. Nun primeiro momento notas as burbullas na lingua, pero estas desaparecen unha vez o líquido se estende pola boca, deixando unha sensación de auga sen gas.

O que está claro é que se trata dun produto moi innovador, tanto desde o punto de vista do concepto como do deseño. Así, Magma trata de diferenciarse apelando á exclusividade e á maxia deste líquido que agarda centos de anos ata que o consumidor o descobre. Desde o punto de vista do deseño, a auga foi premiada nun dos encontros gastronómicos máis prestixiosos de España, o Fòrum Gastronómico de Girona, onde obtivo o Premio InnoFòrum ao packaging máis innovador pola súa botella en aluminio, que coa súa opacidade mantén a auga protexida da luz.

Na web de Cabreiroá salientan ademais, referendados por chefs como Sara Stothart, Pepe Solla, Xosé Cannas e Pedro Larumbe que pola súa equilibrada combinación de gas natural e bicarbonato Magma “é perfecta para acompañar a mellor cociña”, xa que ambos estimulan as papilas gustativas e o sentido do gusto, “preparando a quen a bebe para degustar mellor calquera comida”.

Saltará Magma das profundidades de Verín aos mellores restaurantes do mundo?

Fotos | Andrés Fraga

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *