Restaurante Calderón: a boa mesa


Con esas tres palabras podería definirse o Calderón. Nunha das emblemáticas rúas de Compostela, nunha casa de pedra, atópase este restaurante, vencellado ao bo xantar e ao bo beber. Siro González é o mestre deste establecemento, o guía gastronómico que fai as delicias de quen sinte nos praceres culinarios un exercicio case espiritual.

O Calderón atópase nun emprazamento fermoso, unha casa decorada con pezas únicas, salóns privados para quen precise intimidade, un xardín onde degustar un variado menú, e un cátering para quen teña que servir un almorzo na súa casa o na súa empresa. Estas son as principais ofertas de Siro, e todas teñen cabida nun restaurante que coida os detalles, as formas e a elegancia, e sobre todo, mima con esmero cada prato que sae da súa cociña.

Podémonos deixar levar todos os días por un exquisito menú que confeccionan co mellor do mercado, un menú que gustan chamar de “uso diario”, onde nos enfrontamos a varios pratos salgados e un doce, todo por menos de 16 euros. Temos tamén a oportunidade de degustalo no seu xardín, un remansiño de tranquilidade no centro da cidade, que ademais propicia a quen o desexe a gozar os dixestivos que preparan con esmero, para facer unha sobremesa digna dos mellores padais.

Se o que precisas é un sitio onde facer unha comida de empresa, Siro ofrece cinco salóns onde a intimidade está garantida, xa que cada xantar se celebra nun espazo distinto, cada un deles decorado con pezas artísticas orixinais e únicas. Esculturas e cadros dan a calidez precisa para cada salón. Ademais, todos están dotados dun equipo de son onde cada cliente pode poñer a música que desexe. A carta é variada e ampla. Destaca o seu menú degustación: sete creacións salgadas e dúas máis doces. Moi recomendable maridalo coas referencias que a casa aconsella. O único preciso para gozalo é ter tempo e boa compaña. Non é de estrañar que polas escaleiras atopes xente coñecida, xa que os xantares neste tipo de espazos son práctica moi actual e moi en boga.

O tema do cátering levoulles a poñer mantel para centos de convidados. Serven para vodas, reunións e congresos, atendendo demandas de todo o territorio nacional.

O restaurante é un deses sitios que é preciso descubrir, deixándose levar sen ter todo “atado”, deixándose seducir e aconsellar. Cociña creativa, fusión do tradicional e do moderno, unha nova forma de facer as cousas e un equipo de sala cheo de profesionais, algo que cada vez se bota máis en falta. Un sitio para gozar de verdade, un sitio con sabor… moito sabor.

 

Fotos | Andrés Fraga

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *