Gourmet, Slide — 22/04/2011 21:00

O decadente e refinado pracer chamado macaron

Escrito por

María Antonieta comíaos ás mans cheas na película de Sofía Coppola. Tamén os come o árbitro do estilo no Upper-East Side, a lixeiramente maquiavélica Blair de Gossip Girl. A nova tentación trendy (ou se cadra a máis vella tentación trendy) chega de París e ten un nome que pode levar a confusión. Son os macarons.

Cómelos é parada obrigada en toda viaxe a París que se precie. Case tanto coma facerse cunha boa crèpe de Nutella. Tal é a febre macaron á que deben verse sometidos os turistas que no propio aeroporto Charles de Gaulle esperan aos fanáticos dos macaron as tendas dos mestres do doce, Fauchon e Ladurée.

Non fai falla irse tan lonxe para probalos. Sempre poden facerse na casa… ou compralos. Madrid é unha escapada moito máis sinxela que París e alí tamén hai un mestre macaronier: Moulin-Chocolat chegou para desterrar os macaron non especialmente ben acabados das confiterías madrileñas, con sabores exquisitos e cunha textura excelente.

O bo dos macarons, dos bos macarons, é a súa lixeireza: saben deliciosos e acaban por fundirse na boca. Pero non é un pracer pesado: nada que ver cos biscoitos, coas tartas de chocolate rebosantes e coas bombas e outros morrer por chocolate que tanto éxito tiveron e teñen nas cartas dos restaurantes. O macaron é un doce lixeiro, exquisito e refinado. Posiblemente aínda que comas dúas ducias de macarons non acabarás cun empacho. Pero, claro está, ninguén fai semellante tolería: os macarons son delicados e dignos da mesa de calquera duquesa Ancien Régime. Non dun atracón calquera.

E toda esta delicadeza de cores e sabores variados pon o toque refinado a calquer café. En Santiago, é posible conseguilos en Mercedes Mora. Segundo nos explicaba unha das dependentas do café da República del Salvador, só hai que encargalos.

Segundo San Google, os macarons tamén chegaron a outros puntos da xeografía galega: hainos en Culleredo, na Pastelería Bombonería Doriel (unha pastelería que conta con mestre confiteiro premiado!), e na Coruña, en La Postrería da praza de Santa Catalina.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...


Comparte en Chuza Difundir a nova en Cabozo

4 comentarios

Deixa un comentario

— obrigatorio *

— obrigatorio *