5 cafeterías de Vigo perfectas para traballar

Hai quen cre que esta é unha mala idea, pero para algúns de nós as cafeterías son un lugar perfecto para traballar, polo menos un par de horas e cando es freelance. As cafeterías son unha solución cando quedas sen internet na casa, cando estás de viaxe ou cando tes que traballar horas e horas e estás ao borde da desesperación porque precisas saír da casa. Na cafetería esperará WiFi e un rico café de máquina (e o aire que respiras mentres vas da casa á cafetería). Pero atopar cafeterías boas para traballar, nas que te sintas cómodo e con estar tanto tempo escribindo no teu portátil, non sempre é doado. Compartimos hoxe as cafeterías favoritas para traballar en Vigo da redacción de Disquecool.

Panaria

Sei que é parte dunha cadea e que iso é herexía, pero non me importa. É sen dúbida o meu favorito dos que probei: teñen unhas cantas mesas grandes e, sobre todo, moitos enchufes. Non tes que pelexar con ninguén polo enchufe nin agardar con estrés ata que quede libre a mesa do enchufe. Ademais, a primeira vez que fun só había xente a ler ou a traballar no seu portátil e iso xa modificou para sempre como o vexo. O único malo é a hora da merenda: énchese de nenos merendando e de xubilados e, asumámolo, non son moi traballo-friendly.

Rúa de García Barbón, 109

The Coffee Land

Una publicación compartida de Noelia (@no3liaglez) el

Está bastante preto de Panaria e moi preto da estación de tren de Guixar (o que pode ser unha opción cando se ten que coller un tren). Se buscades en Google cafeterías para traballar en Vigo, esta é a que aparece. Aínda que as mesas da parte de abaixo non son moi cómodas para traballar, na parte superior (ten unha sorte de altillo) as mesas son moito máis grandes e moito más boas. É unha zona de traballo estupenda. O único malo é que a acústica non axuda e hai sempre bastante ruído.

Rúa Serafín Avendaño, 8

Matina

É unha sorpresa? Vindo de nós non debería. Somos fieis a Matina desde os seus inicios por ser ese lugar que sempre veíamos noutros lugares e que botabamos en falta en Vigo: unha cafetería especial, bonita, con produtos deliciosos que ademais son ecolóxicos e locais… Respírase creatividade no ambiente, algo moi práctico cando o que queres é traballar. Se está cheo pode haber bastante ruído, algo que depende de como sexas axuda ou espanta. A min en particular axúdame a concentrarme —a non ser, claro, que teña unha conversa interesante na mesa do lado—. A mesa máis cómoda é a comunal, especialmente se non hai moita xente: tes espazo dabondo para espallar as túas cousas. E o café e os zumos e todo está moi, moi rico.

Rúa Abeleira Menéndez, 26

Sifón

Una publicación compartida de Ana Bulnes (@mrs_joness) el

A última reencarnación da cafetería do edificio da delegación viguesa do Colexio de Arquitectos de Galicia é tamén cómoda para levar o portátil e pasar un tempo tecleando. Hai mesas individuais e outras máis amplas e cómodas, a decoración está moi coidada e, quizais por estar un pouco escondido (aínda que no centrísimo da cidade), case sempre hai sitio e tranquilidade. Ademais, desde hai unhas semanas é un pouco máis grande e ese novo espazo que veñen de abrir e moi, moi agradable e cómodo.

Rúa Doutor Cadaval, 5

Café Uf

Clásico entre os clásicos, no Uf sempre ves xente traballando: xente co portátil, coa mesa chea de papeis, argallando ou estudando. Ten, como todos, os seus pros e os seus contras. Pros: é un lugar moi, moi fermoso, sempre tranquilo, sen ruído e con boa música (nunca demasiado alta). Contras: pode facer frío en inverno e o wifi non sempre vai demasiado ben. Isto último, claro, pode ser tanto algo malo como algo bo. Cando non quero distraccións e non necesito internet bo ou constante, é a miña primeira elección.

Rúa Pracer, 19

Shares

1 comentario

  • Sonia di:

    En The Othilio bar, hay un ambiente relajado que permite trabajar al tiempo que se disfruta uno de sus ricos desayunos. Aunque es un restaurante, tiene también sus clientes para esa hora del día, recomendable pues empezar la jornada en un local de diseño pero muy acogedor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *