Son os millennials os novos hipsters?

Cando este humilde medio empezou a súa aventura, hai xa seis (seis!) anos, viviamos nun mundo diferente. Eramos máis novos e inocentes, os ukeleles aínda molaban, as apps novas eran algo que facía ilusión e non outra máis que xa nin descargamos, tiñamos aínda varios anos de Downton Abbey e Mad Men por diante e David Bowie e Leonard Cohen estaban vivos. Aínda non viviramos o rarísimo 2016. E todos os medios, nós incluídas, estaban obsesionados cos hipsters. Desde hai un par de anos hai unha nova obsesión que levou aos modernos de fixies e bigote (soa xa ata vintage) a desaparecer do mapa. Chegaron os millennials e arrasaron con todo.

Google Trends confirma as sospeitas:

No mundo:

En España:

En Galicia:

Isto non é nada novo. Xa en 2013 en Flavorwire publicaban un artigo titulado Como millennial mudou no novo hipster, que viña a dicir máis ou menos o que quero dicir eu hoxe. O que se produciu foi un xogo de etiquetas: a primeira, a dos hipsters, estaba moi focalizada nunha pequena parte da poboación que cumpría certos requisitos algo ridículos (pero todos coñecemos exemplos en persoa!); a segunda, a dos millennials, colleu eses requisitos e aplicounos a unha xeración enteira. Escribiu millennial enriba das etiquetas nas que estaba escrito hipster e repartiu moitísimas máis etiquetas. O das fixies non pasou dun grupo ao outro, pero si as características principais, as de personalidade: egoístas, arrogantes, obsesionados coa tecnoloxía (e co vintage), convencidos de que temos dereito a todo. Antes eran catro raros. Agora somos todos os nacidos entre 1980 e 1999, segundo a quen preguntes. Hai quen en España estira a categoría ata 1978 (canto mal segundo esta teoría fixo a Constitución!).

E ao principio hipster e millennial parecían ser sinónimos. Os que pertencemos á rama vella da que Time chamou xeración «eu eu eu» sufrimos un pequeno sobresalto ao decatarnos de que estabamos incluídos (como meternos no mesmo saco a xente que lembra como era o mundo sen internet e e xente que non?). Despois pensamos en que, a longo da historia, toda nova xeración foi repudiada pola anterior. E pouco a pouco empezamos a acoller as diferencias e algúns trazos como propios. A intentar apropiarnos do termo millennial e non quedarnos só co negativo. Hai un par de semanas Buzzfeed deu o paso definitivo: a súa liña editorial prohibía o uso da palabra e propoñía usar cousas tipo «vinteañeiros», «trintañeiros», «vinte e trintañeiros», etc.  Agora xa non.

No artigo no que explican o cambio de política, falan desa apropiación do termo, ademais da sensación pouco natural de estar a evitar unha palabra de forma algo torpe, un pouco como cando Pedro Sánchez non dicía «Podemos». En 2015 empezaron a admitir millennial, pero só para falar de demografía. Agora xa deixan usala en calquera contexto. «Parece que os millennials teñen recuperado [a palabra] millennial. Moi cedo xa estabamos todos a dicila de forma reticente, irónica, cun pouco de autodesprezo». Porque o tema é que ata non hai moito os únicos que non usabamos a palabra millennial eramos os propios millennials.

O paso de hipster a millennial é problemático se mantemos todas esas características negativas e ridículas (porque si, se todos fósemos así igual si había razóns para preocuparse polo futuro do mundo), pero non se o deixamos un pouco en datas —aínda que, insisto, eu reduciría o tramo— e en ideas xerais que tampouco son para clamar aos ceos. Somos demasiado idealistas? Pode, aínda que a crise ten feito bastante por devolvernos á terra. Que queremos un traballo co que sentirnos realizados? Tampouco parece tan mala idea. Que somos demasiado egoístas? As redes sociais pode que digan que si, pero tamén somos máis solidarios, segundo estudos, tanto co noso tempo como cos nosos cartos. E, ao final, como sempre parece que hai que lembrar, non somos un grupo unido por gustos e afeccións (como eran un pouco os hipsters). Somos case 2.000 millóns de persoas que compartimos só ter nacido a piques de ver un cambio de milenio.

Os millennials son (somos) os novos hipsters para as compañías de marketing e os medios de comunicación. Para o resto do mundo somos só os novos Xeración X, baby boomers ou Xeración Perdida. Persoas que nacemos nun momento histórico determinado. E non estamos tan mal.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará