Cave Day: un día de portas pechadas para deixar de procrastinar e traballar

Unha das cousas que en Disquecool nos gusta facer (e que funciona como un dos xeitos de nos obrigar a traballar  e deixar de ir engadindo cousas e máis cousas á lista de pendentes) é o de quedar para traballar. Durante unha tarde só imos facer certas cousas. Cando conseguimos facelo (como ben vedes polos últimos tempos de Disquecool non o conseguimos moito), esas tardes son bastante produtivas e logramos cumprir con moitos dos nosos obxectivos de traballo. Por que acontece iso? Basicamente é un pouco de presión de grupo: se todo o mundo está traballando (e se hai alguén que che poderá mirar mal por estar perdendo o tempo lendo listicles online), unha acaba por traballar tamén.

O máis interesante de todo isto é, en realidade, que estabamos a ser unhas trendsetters sen saber que o eramos. En Nova York, o lugar onde empezan moitas das cousas que logo se poñen de moda en todo o mundo, xa hai quen fixo da idea un produto. Na cidade estadounidense estanse a organizar o que chaman o Cave Day, un día de peche nunha (metafórica) cova cunha sorte de policía contra a procrastinación (ou, como din en FastCompany, unha nanny que che evita perder o tempo). Os asistentes pagan 45 dólares por un día de traballo: os organizadores poñen o espazo (é nun coworking), a organización do tempo, a comida e bebida para o día, as actividades de pausa e descanso e, por suposto (e máis importante), a barreira entre un mesmo e perder o tempo. Antes de comezar, requisan todos os teléfonos móbiles dos asistentes.

É realmente necesario pecharse un día cunha morea de descoñecidos para traballar? E sobre todo é preciso de verdade sacrificar un domingo para facer cousas? E pagar para poder traballar durante oito horas?

Tras ler o que contan en FastCompany (un dos seus xornalistas foi a unha desas xornadas), os resultados fan que pareza que paga a pena. Polas testemuñas que recolle, ninguén foi realmente rematar o traballo da súa vida, senón máis ben todas esas cousas que un di que vai facer e que, cando se dá conta, leva dicindo que as vai facer durante anos.

Quen compartiron espacio co reporteiro traballaron na organización da voda, en escribir uns post que levaban deixando tempo e tempo por facer, en rematar unhas historias curtas, etc. Mentres eles traballaban os demais tamén o facían, o que crea certa presión de grupo. Un non ten que saír de alí para nada e, por suposto, as interrupcións dende fóra rematan. Como apuntaba unha das participantes nunha das testemuñas que recolle o artigo, unha vez que decidiu ir ao Cave Day puido empezar a dicirlle a todo o mundo que ese día non contaran con ela. Nada de interrupcións, por tanto, mentres se está traballando.

Fotos Caveday

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *