Cheirando a Bécquer

rima XI, becquer

Non, non é que Bécquer se me aparecera dende a ultratumba para que poida achegarme a el e saber a que ulía (posiblemente mal, pensade que naquela época o do baño non era algo cotiá; e por favor non lle preguntedes a Google a que cheiraba Bécquer, o primeiro resultado é bastante descorazonador). O de cheirar a Bécquer é algo persoal. Eu cheirei a Bécquer estes días, grazas a un perfume fascinante que lanzou unha firma barcelonesa de perfumería de nicho. Como ocorría con Charles Baudelaire, o poeta francés do que fixeron xabóns e perfumes das súas flores do mal, Gustavo Adolfo Bécquer, o tardío poeta romántico dos nosos libros de literatura castelá da escola, tamén sirve como inspiración cosmética.

Rima XI é o nome do perfume, que é tamén o título dun dos poemas de Bécquer. “Todos os nosos perfumes están inspirados nunha historia, nunha vivencia, nun recordo… No caso de Rima XI, queríamos facer un tributo a un dos poetas españois máis representativos do século XIX”, explícanos por correo electrónico Joaquim Carner, de Carner Barcelona, a marca de perfumería que está detrás desta obra. “Sara Carner, a fundadora e creativa da marca, é unha apaixonada das Rimas de Bécquer”, dinos. “Bécquer é un expoñente do movemento romántico e queríamos que o noso perfume estivera invadido por ese sentido romántico e intrigante”. “Sara inspirouse na Rima XI porque é un poema que fala da muller inalcanzable ou imposible de conquistar, aquela chea de sensualidade e á vez de intriga e misterio“, engade Joaquim Carner cando lle preguntamos porque esta rima e non outra.

Caja y botella RIMA XIÉ a que cheira a Rima XI?, preguntarédesvos. Pois a resposta, aínda que poda parecer simplista, é que ule francamente ben. “Cheira a cardamomo de Guatemala, a pimenta negra de Madagascar, azafrán, noz moscada de Indonesia, vainilla e madeira de sándalo, entre outros”, dinos Joaquim Carner sobre as diferentes notas que forman o perfume. “A combinación destes ingredientes dá como resultado un perfume cunha saída especiada e unha base doce, pola vainilla sobre todo, un perfume sensual que evoca o inaccesible”.

A verdade é que cando recibín a mostra e a botei no pulso, a miña primeira impresión non foi especialmente boa. Lembrade que a min vaime o floral e cargado. E Rima XI é bastante diferente a todo iso. Ten unha certa lixeireza e un toque retro (a min os cheiros así, especiados, lémbranme á miña avoa, que era unha mega fan da idea de ulir sempre ben) que non acababa de amar. Pero a medida que ía avanzando o día o cheiro íame gustando moito máis (xa sabedes que os perfumes cambian co paso das horas). Cando comecei a botala de forma regular (e a mostra deume para un par de días, así que probeina a gusto), Rima XI foime convencendo moito máis. É diferente, un pouco retro e romántica pero dun xeito que non é o habitual (ao final, xa sabedes, a idea de romántico do Romanticismo acabouse por mesturar con romántico do día dos Namorados nunha especie de traxedia cultural; Rima XI é romántica de verdade).  Cumpre con todo o prometido: evoca o misterio, o inaccesible, ese toque decadente e encantador da poesía romántica. Pero aínda así non é unha desas fragrancias pesadas, que acaban por saturar a quen a leva posta. Rima XI, como era de agardar dun olor que se promete misterioso, vai evolucionando para manter certa vontade de sorpresa ao longo da xornada. E se todo isto non é suficiente a miña familia non fixo máis que preguntarme que a que cheiraba, que ulía  “moi ben”.

O perfume foi un dos finalistas dos premios FiFi durante o pasado mes de xaneiro, o que o fixo moito máis recoñecido a nivel internacional. É perfumería de nicho, polo que non agardedes por un prezo barato (o frasco máis pequeno está nos  90 euros). Hai que lembrar, iso si, que a perfumería de nicho ofrece cousas moito máis novidosas que o que é habitual nos estantes das perfumerías. Pódese mercar en internet, na tenda online da marca, ou en Tu Cuidado, na Gran Vía de Vigo, o único punto físico de distribución en Galicia. 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *