Iria Misa: “Non hai que dar aos rapaces unha idea dun mundo idealizado que non existe”

Iria Misa

Cando alguén desparece, desaparece tamén a súa voz. Todo o mundo fala desa persoa, de como era, da súa vida, todos excepto a propia interesada, que non pode saír a contar as cousas desde a súa primeira persoa. Iria Misa partiu de aí para a súa novela Xa non estou aquí, galardoada co Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil de Xerais o pasado mes de xuño. A entrevista era inevitable: polo libro, polo tema e porque —full disclosure, que din os ingleses –Iria e máis eu coñecémonos desde esa época adolescente que retrata o libro. Daquela, conversabamos a través de letras de cancións britpopeiras que escribiamos nas mesas de latín. Agora, diante dun café, falamos do seu primeiro libro. Hai entrevistas que fan moita ilusión.

Como naceu a idea de Xa non estou aquí?

Hai uns anos, cando comezaba a escribir, ocorréuseme esta idea dunha moza que desaparecía e que me falaba a min directamente. Sempre me impactaron moito estas noticias das desaparicións e xurdiu esa voz, que eu sabía que quería saír da miña cabeza, pero non tiña moita idea de como facelo. Era unha rapaza, que eu imaxinaba nun monte, perdida, e que falaba da súa vida. Ao longo dos anos, esa idea fun retomándoa, intentando experimentar algo con ela, e deixándoa cando non me convencía… Quizais é unha das primeiras historias que empezaron a saír das miñas teclas, sempre estivo aí no trasfondo. Hai dous ou tres anos retomeina de novo e á fin conseguín darlle a voz propia que eu quería e sacar a historia adiante.

Como era esa voz propia que querías?

Interesábame que fose unha voz moi directa, crúa, sen adobíos, que falase as cousas como son. Comecei a ler historias, ver que había, e atopei un libro que me chamou moito a atención, Diario dunha adolescente, de Phoebe Gloeckner (non está editado en galego). É banda deseñada e novela, como interxénero. Ao lelo flipei, porque nunca lera nada no que unha personaxe principal falase dese xeito. Unha rapaza moi nova que fala da súa vida, bastante fóra do común, con moitísima crueza. Ler ese libro axudoume un pouco, vin que se podía facer, que as primeiras voces podían falar dun modo moi aberto.

xanonestouEntón sempre foi un libro moi escuro.

Claro, desde a natureza propia da historia, unha persoa que desaparece e non se sabe pasa con ela…

É un pouco inesperado atopar algo así nun libro dirixido a adolescentes…

Ti cres? Eu tamén quería facer algo que de verdade impactase un pouco, porque hai moitas historias e si que me apetecía facer algo diferente.

Claro, unha crítica que se pode facer a moitos libros para adolescentes ou para nenos é que son cada vez máis infantís.

Xa, eu non entendo que as historias para adolescentes teñan que ser así. Ao contrario, penso que está ben que as historias, para adolescentes e para todo público, nos fagan pensar, saír un pouco da nosa zona de confort. Cando es adolescente todo é dramático e impactante, e non hai que dar aos rapaces unha idea dun mundo idealizado que non existe. Os adultos vemos aos adolescentes como moito máis pequenos do que de verdade son, tendemos a infantilizar á rapazada, pero tamén é a imaxe que como pais ou tíos ou irmáns maiores queremos ter dos nosos nenos.

O grupo ao que se achega Ánxela, os Murnios, é moi particular. A súa estética, as súas reglas morais… como xurdiu esa idea?

Naceron da miña intención de crear un grupo de rapaces que tivesen algo como un pouco escuro, algo fóra do común, misterioso para os seus compañeiros. Parecíame un toque interesante ter uns personaxes que ninguén sabe moi ben por onde veñen ou van, co seu propio código moral e ético. Viven ao seu xeito. Quería que fosen complexos e un pouco rebeldes, cun pouco desta contracultura dos 70, un punto punk de rachar co establecido.

Non só Ánxela ten voz, todos os personaxes contan a súa versión dos feitos. Como foi o proceso de decidir e fiar todas esas perspectivas?

Non foi fácil, levou moito tempo de consideración e deseño. Eu tiña claro que Ánxela tiña que falar por si mesma, pero tamén sabía que había certos aspectos que me parecía moi interesante que non contase ela. Experimentei con distintas voces, e cando escolles a primeira persoa o teu campo de acción redúcese bastante. Tamén é un reto, porque tes que pensar que meter e que non. Darlles voz a todos os que están ao seu redor era case necesario, porque a realidade nunca é única.

Sempre pensaches que era para adolescentes?

Si, tíñao claro. Igual a voz primeira non o era, era unha rapaza de vintetantos, como era eu naquel momento, pero si que cando fun fiando a historia souben que era para eles. Eu traballo moito con ideas que se me ocorren por calquera estímulo que poida ter, e normalmente cando aparece xa a visualizo de certo xeito. Non é algo que decida, a historia lévame a un público.

E como é escribir para adolescentes, como diferencias?

É para adolescentes pero tamén o poden ler os adultos, aínda que eu escribín para eles e nada me faría máis ilusión que que aos rapaces lles gustase. Escribes para adolescentes facendo un exercicio de memoria e desfacéndote de moitos prexuízos que ao mellor cos anos fuches collendo. E hai moitas cousas que son igual que hai 20 anos, cando nós eramos novas.

E xa para acabar cos adolescentes… que ten de especial esa época?

O que pasa na adolescencia é que todos queremos ser algo importante. Ao mellor cando maduras decátaste de que ter unha vida normal pode ser a maior beizón do mundo, pero cando estás no instituto queres ser do grupo dos guays, pensar que de maior terás un traballo moi chic. Os sentimentos son moi extremos, porque ti queres e non podes. Os rapaces poden chegar a sentirse perdidos, porque pensan que o único válido na vida é ser guapo ou guapa, ser guay… Non lle dan valor ao normal, é unha loita interna.

Iria Misa

Por que decidiches presentarte ao premio?

Penso que a razón principal é a falta que tiña de seguridade, no meu traballo e en min mesma, e a vergoña que me daba ter que ir a algures cos meus libros. Presentarte a un concurso é como algo máis seguro. Eu lanzo a pelota a ver que pasa e se non pasa nada, ninguén o vai saber, a cousa quedará como estaba. Considero que tamén é unha maneira de poñerte a ti mesmo a proba. É como facerme un exame a min mesma. Nunca imaxinaba gañar, pero sempre pensas “pois igual a alguén lle chama a atención”. Toda a semana cando sabes que es finalista pensas que no vas gañar. Foi unha semana terrorífica.

E agora que xa pasaron algúns meses, como ves o tema, xa con perspectiva temporal?

Nalgún momento preguntáronme como me cambiara a vida despois do premio, e non cambia moito. Sigo tendo a miña vida, teño que volver a loitar coa miña rutina para sentarme a traballar na miña escrita, nos meus estudos, no meu traballo… a vida segue igual. Coa diferencia de que cada certo tempo ao mellor teño que ir a facer unha entrevista, ou teño a presentación do libro… Hai días nos que nin o creo, nos que me pregunto se pasou de verdade e estou moi contenta, e ao mellor ao día seguinte estou morta de medo. Gustará o libro? Conseguirei escribir algo máis? Pero si é un aliciente extra, claro. Gañar un premio é xenial, unha alegría e unha responsabilidade, pero non é o final do camiño.

Como levas o de non ser xa unha completa descoñecida no mundillo?

Coas redes todo se magnifica moito, pero notas que pasas a estar nunha posición na que a xente está ollándote na que antes non estabas. Era moi cómodo estar acubillada na sombra, vendo que pasaba, agora dá un pouquiño de respeto saber que te puxeches nesa posición. Pero relativizando, as cousas non cambian porque a xente me preste máis atención un día porque saio no xornal. O importante é que os rapaces lean a historia e lles guste.

Que pensas que lles pode aportar?

Non sei, gustaríame que fose un libro que os entreteña e tamén que sexa un libro que os axude a pensar un pouco. Moitas veces os adultos negamos, categorizamos, pechámonos en banda, e hai cousas das que ou non falamos ou só falamos para dicir non. Falarlles dun xeito natural das cousas e procurar que pensen, sen intentar moralizar, porque ao final farán o que eles queiran.

E que trae o futuro?

Trae moito traballo. Intentar seguir sacando historias adiante.

Estás metida en algo?

Sempre hai algo que pode estar en proceso de xestación. Na cabeza, documentándote, escribindo, en paréntese porque estás saturado… Espero que sexa o comezo dun camiño no que poida seguir escribindo, que me axude a organizar a miña vida. Saber que teño esas horas de escribir e que se non o fago sinto como que me falta algo.

 * Iria Misa tamén cubriu unha disqueficha

Fotos | Disquecool

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *