Mulleres Bravas, unha colección para contar aos nenos as vidas das mulleres galegas

mulleres-bravas

Unha petición de crowdfunding está a ser viral esta semana no universo das redes en galego. Non é para menos. A iniciativa, que ten detrás a Urco Editora, é unha colección de libros para nenos, pero non unha colección calquera. Nesta, que se chamará Mulleres Bravas, se recuperará a biografía de diferentes mulleres da historia galega, un proxecto moi interesante que axudará a visibilizar ás mulleres da historia galega (moitas delas moitas veces inxustamente medio borradas) e que servirá, ademais, para que os nenos podan acceder a unha peza de información que resulta clave para como consideran o mundo que o rodean (como xa vos contábamos noutro artigo, os libros para nenos non só entreteñen, tamén ensinan).

“Levamos tan só un día e a acollida foi moi boa. Tivemos moitas mensaxes de apoio. A meirande parte delas insisten en que é un proxecto moi necesario para a nosa cultura”, explicaba onte por mail Andrea Jamardo, a traballadora da editorial que é a responsable da colección. Cando nós descubrimos vía Twitter que o proxecto estaba en proceso de recadación de fondos andaban polos 800 euros, alá polo mércores. Agora, non moito máis tarde, están a punto de chegar á cantidade que precisan (buscan 4.000 euros e están en 3.581). “Hai unha demanda de biografías deste tipo e nós tamén temos as nosas ideas propias ao respecto. Hai moitas mulleres sobre as que falar”, engade Jamardo.  “Lanzamos a colección porque consideramos hai unha necesidade real na nosa sociedade”, apunta, sinalando que viran “iniciativas que nos gustaron moito e pensamos que as crianzas galegas deberían ter acceso a textos deste tipo” pero sobre mulleres galegas.

mulleres-bravas-2Detrás da colección non só está a editorial, senón tamén un grupo máis amplo de persoas. “É un proxecto colectivo”, dinos Jamardo, cando lle preguntabamos canto tempo de traballo existe detrás da iniciativa “e traballar entre moitas persoas non é sinxelo. “Hai que debatir moito e chegar a acordos. Leva máis tempo, pero é moi enriquecedor e cremos que o proxecto será moito máis completo”, defende.

Como se pode descubrir na páxina de Verkami na que se está pedindo os fondos para a financiación, os textos teñen detrás a un comité de asesoras formado por Patricia Porto Paderne (educadora social e libreira experta en xénero) e Mariám Mariño (Técnica da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega). O contido será escrito por “diferentes autoras de renome” e ilustrado por Eva Agra.

Que se lle pide a unha muller da historia da cultura galega para entrar nesta colección? “Para entrar na colección teñen que ser mulleres que non cumpriran o rol que se esperaban delas, mulleres que realizasen tarefas representivas para a nosa cultura, mulleres que foron borradas da historia e ás que nos gustaría rescatar e tamén mulleres sobre as que xa temos biografías, pero das que se poida escribir desde outra perspectiva”, explica Jamardo. As dúas mulleres coas que arrancará a colección poden servir para comprender o que queren facer. Mulleres Bravas empeza con unha biografía de Rosalía de Castro e con outra de  María Victoria Moreno, que, como nos indica Andrea Jamardo, “tanto fixo pola literatura infantil e xuvenil deste país e sen embargo non é tan coñecida”. Tras elas, a lista podería seguir con unha pintora. “Gustaríamos seguir con Maruja Mallo, que é a nosa proposta para o seguinte número da colección, e xa estamos barallando outras mulleres”, engade a responsable.

Se todo chega ao punto final (e todo parece indicar que o fará), os libros sairán do prelo a finais de novembro (o que os converte nun interesante agasallo ou autoagasallo de Nadal). Na campaña hai opcións para todos os petos e non só para lectores, senón tamén para librarías.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *