7 libros para nenos para aprender que o mundo é un lugar diverso

neno-leA principios do verán fun a Lila de Lilith, unha librería na zona vella de Santiago que é unha “librería de mulleres”. Entón estaba escribindo unha reportaxe sobre a recuperación das escritoras esquecidas e sobre como as editoriais están recuperando algúns dos seus textos ou as súas biografías e a súa responsable, Patricia Porto, axudoume con algunhas recomendacións e explicacións.  Pero o certo é que en Lila de Lilith hai moitos e moi variados libros e un pode achegarse non só para encontrar libros sobre mulleres esquecidas. De feito, un dos temas máis surtidos (e máis fascinante, polo menos cando a responsable cho explica) é o da literatura infantil e xuvenil.

Os libros para nenos son moi importantes e decisivos, xa que axudan a transmitir ideas e imaxes nun momento no que un está aprendendo como comprender o mundo que o rodea. Como atopar o libro perfecto para lle regalar a un neno? A literatura infantil e xuvenil conta cada vez con máis libros e de temáticas máis e máis variadas que axudan a que os nenos comprendan o valor e a diversidade das emocións ou que cuestionen os roles de xénero, entre outras moitísimas cousas (podes pasar unha tarde completa vendo todo o que hai). Os libros axudan a que os nenos comprendan que o mundo é diverso e que un pode ser o que queira ser.

De todos os títulos que Porto tiña naquel momento na librería recomendounos uns cantos (hai máis e sobre moitos máis temas, se se quere outra cousa sempre se lle pode preguntar directamente á libreira). Decidimos gardar as recomendacións que nos fixo de títulos en galego para o comezo do outono, cando empeza a chover e os nenos teñen que quedar na casa. Cando digan que están aburridos, só teredes que lle dar un destes libros.

Iriña Bailarina, de Cristina Justo e Paloma Rodríguez en Edicións Embora. Forma parte dunha colección sobre igualdade e resulta perfecto como exemplo, explica a libreira, de literatura de cambio de roles. A protagonista é unha bailarina cansada do seu destino, así que decide cambiar cos outros xoguetes o que fai. Para entre 3 e 6 anos.

O monstro de cores, de Anna Llenas en Flamboyant. Un monstro ten de súpeto que enfrontarse a algo que non comprende, as emocións. “Recomendable para traballar as emocións e lexitimalas”, indica.

Os monstros grandes non choran, de Áslaug Jónsdóttir, Rakel Helmsdal & Kalle Güettler e en Sushi Books. Outra historia sobre sentimentos e emocións, algo moi importante e que debería ser tido en conta cando se escolle que dar a ler aos nenos. Como nos explica Porto, os libros axudan a mostrar que se poden querer e sentir moitas cousas e a romper clichés sobre estas cuestións como, por exemplo, que os nenos non choran. Poden facelo, como os monstros.

Caer de cu polo universo. De Estíbaliz Espinosa e Lucía Cobo e en Apiario. Cunha protagonista astronauta, mostra, como explica Porto, “un modelo diferente de muller”. Para maiores de 6 anos.

A historia do touro Ferdinando, de Munro Leaf e Robert Lawson e en Kalandraka. Este libro non só é interesante porque é un libro sobre o pacifismo para nenos e que ademais é un clásico da literatura pacifista. Apareceu por primeira vez en 1936. A libreira destaca ademais que é un libro moi interesante dende o punto de vista de xénero, xa que reinventa os roles e a idea da masculinidade.

O diario violeta de Carlota, de Gemma Lienas e en Galaxia. Un must da literatura xuvenil, para máis ou menos a partir dos 13 anos. Se no outro libro – o vermello – Carlota fala de sexo, neste fala de feminismo.

A evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly e en Faktoría K. Como lle dicía a Porto cando mo ensinaba, ¡eu lin ese libro! (e son unha adulta, disque), pero é un perfecto exemplo de literatura crossover. A historia dunha nena do sur de Estados Unidos ao que o seu avó lle fala da teoría da evolución funciona como unha historia sobre ciencia e sobre o dereito a pensar diferente.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *