Berbiriana: libros e cafés na Coruña

berbiriana

Unha das últimas tendencias no que a café e libros se refire é o boom das librerías-cafeterías, uns espazos que non podemos evitar amar e que unen todo o que nos gusta. Niso estaba pensando mentres me traían un café na Berbiriana, a librería-cafetería na Coruña na que me refuxiei a última vez na que estiven nesa cidade. Berbiriana non é a primeira librería-cafetería que abre as súas portas na localidade nin tampouco é a única existente (algún día farei un deses artigos-investigacións cun 24 horas tomando café e lendo de librería en librería na Coruña!), pero si é a que me seduciu ese día. E deses amores instantáneos veñen estas letras e este artigo.

Berbiriana tampouco é algo novo ou recén aberto. Como me contaba unha das súas responsables (as fundadoras son dúas mulleres que veñen do mundo do dereito e que se meteron a libreiras), abriron en abril de 2015 e operan dende entón. Neste tempo xa lograron facer unha certa clientela fiel e mesmo ser a librería de cabeceira dalgúns lectores, aínda que falando coa libreira recoñece que aínda queda xente que non os coñece.

“O que máis nos custou foi facer a selección de fondo”, confesaba. Como escoller os libros que incluír nunha librería e moito máis cando a librería ten que compartir espazo cunha pequena cafetería? En Berbiriana basearon a súa selección “nos nosos gustos como lectoras” e tamén das recomendacións que lles fixeron amigos e coñecidos. Ademais de todo iso, fan unha constante investigación para ver o que se move no mundo do libro e cales son as últimas novidades (o mellor, confesaba a libreira, e o que como lectora me parece o máis apaixonante de traballar con libros).

Agora que levan un tempo abertos, reciben ás veces tamén recomendacións dos lectores fieis, que – como sempre fan os lectores entusiastas – acaban falando daqueles libros e autores que lles emocionan. Pasear pola librería-cafetería demostra que a combinación destas fontes dá un bo resultado: non son unha librería xigantesca cun inmenso fondo pero teñen un pouco de todo e un pouco de todos eses libros e editoriais que molan. Eu quería saír coa metade da librería no bolso.

Que público atrae un establecemento deste estilo? “Un público heteroxéneo”, apunta a libreira. Hai que vai tomar o café (non dan comida, pero si teñen cafés, infusións, zumes, cervexas artesás, refrescos e viño), hai quen toma café e merca libros e hai quen vai mercar libros como faría nunha librería normal e corrente. “Os menos son os que fan as dúas cousas”, indica.

Ademais de libros e cafés, en Berbiriana tamén organizan eventos literarios, como presentacións de libros ou actividades para os días literarios especiais.

 

Berbiriana está na Rúa Santiago, 7, A Coruña

Foto Berbiriana

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *