5 novelas escritas por mulleres antes do século XX

libros

Un dos puntos do disquerreto de lectura (ese reto que espero que esteades a facer e que non me deixedes en decembro como a única persoa que estivo a ler para lograr estes obxectivos) é o de ler a algunha autora que tivese publicado algunha novela antes do século XX. A primeira novela escrita en galego por unha muller non foi publicada ata os anos 20. Non é que as mulleres non escribiran en galego antes (escribían poesía) pero non entraban no terreo da novela. Cumprir con este punto do reto non é, sen embargo, complicado, porque moitas editoriais están a traducir a moitas autoras deses anos que publicaban noutras linguas, os que nos deixa un completo corpus. Aquí vai unha selección dalgunha destas autoras e das súas obras.

Mary Wollstonecraft (1759- 1797)

Unha das nais do feminismo moderno e unha das primeiras mulleres en vivir do seu traballo como xornalista. Ten unha biografía fascinante (e cunha final tráxica, o que serve para facer dela material para o mito romántico: moi recomendable Romantic Outlaws, que conta en paralelo a súa biografía e a da súa filla Mary Shelley). Hugin e Munin (e o seu catálogo está cheo de escritoras que valen para este punto do reto) publicou unha das súas novelas, Maria.  A súa Vindicación dos dereitos da muller tamén está traducido ao galego (vale que non vale como novela, pero é interesante).

Jane Austen (1775 – 1817)

Austen é a escritora inglesa por excelencia a que, xunto coas Brontë, todos coñecemos. As súas obras teñen entregados fans que consumen todo o que a elas se asocia (e si, ler unha biografía sobre ela é tamén unha moi boa idea). Sotelo Blanco publicou hai uns anos nunha colección que tiña de escritoras unha tradución de Orgullo e Prexuízo, aínda que hoxe non resulta doada de atopar (a menos que vaiades a unha biblioteca). Irmás Cartoné tiña previsto publicar Persuasión, a súa novela máis madura (xa nos dirán cando sae!), polo que vira nun dos seus folletos. Ler a Austen non é complicado: Lady Susan está (e en descarga gratis) na web dos traductores galegos.

George Eliot (1819-1880)

Unha de tantas escritoras que empregaron un pseudónimo masculino para publicar e outra que ten unha biografía moi interesante (incluída escandalosa vida sentimental para a época). Unha das últimas novidades de Irmás Cartoné é unha das súas novelas máis populares, Silas Marner, sobre un home ao que a vida lle dá unha segunda oportunidade en forma de pequena nena.

Marquesa Colombi (1840-1920)

Non todo son escritoras inglesas. Hugin e Munin publicou a novela máis coñecida da italiana Marquesa Colombi, Un matrimonio provinciano. Unha muller ve pasar os anos mentres espera a que apareza un pretendente co que casar. Colombi é unha das pioneiras do feminismo italiano.

Kate Chopin (1850- 1904)

A estadounidense é outra pioneira. O Espertar é considerado como un dos textos pioneiros sobre o desexo feminino escrito por unha muller (e está tamén para descarga na web dos tradutores). Edna Pontellier, unha muller casada e insatisfeita, está de vacacións na costa de Luisiana, onde descubre que hai un mundo máis alá.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *