No Trocadero págase en kilos

Ao principio foi o troco. Iso nos explicaron en clases de coñecemento do medio sobre a orixe do intercambio comercial. Ao principio foi o troco, que non era moi práctico e por iso se creou o diñeiro. Pero os cartos, hoxe, están manchados de cotra (no ideario colectivo) e o troco quedou como imaxe dun intercambio máis xusto, máis inocente e máis necesario.

TrocaderoEn Trocadero atoparemos ese intercambio non lucrativo. Eu merco unha carteira, unha saia ou un colgante (que alguén cedeu gratuitamente), e a cambio deixo medio quilo de azucre ou dous paquetes de pasta, que irán parar ao comedor social máis próximo. Trátase dunha iniciativa que leva xa 3 anos en marcha, e cada ano colleita máis visitantes e máis comida. Tanto, que este ano en lugar de celebrarse só no Café Golem de Vigo (rúa Irmandiños 2), esténderase tamén ao achegado Cantina Candela (rúa Martín Códax 12). Terá lugar o sábado 23 de febreiro entre as 12.00 e as 20.00 horas.

Este mercadiño benéfico xurdiu co obxectivo de colaborar co Banco de alimentos de Vigo, como explica unha das organizadoras, María Méndez: “Cerca da casa temos un comedor social e ocorréusenos facer algo un pouco máis grande que nos dera a oportunidade de colaborar con todo o que puidésemos e non só co que nós désemos como persoas individuais. Tamén pensamos que era unha boa forma de concienciar a xente de todo o que ten na casa e non usa e poñer en circulación cousas que estaban na casa collendo po. Se de paso, facíamos unha cousa solidaria pois parecíanos como o kit completo“. A resposta da xente, foi, desde  primeiro ano, moi boa.

Primeiro, aportando cousas para poder trocar, que van desde roupa, xoias e accesorios ata libros e música, pasando por artigos de decoración ou xogos (para colaborar podes porte en contacto con eles no seu evento de facebook) e despois achegándose moita xente con comida para intercambiar por todos eses obxectos “a venda”. Cada un dos obxectos vale entre medio kg e 2 kg, e pódese levar todo tipo de alimentos non perecedeiros, aínda que o Banco de alimentos pediu especialmente este ano leite, azucre, aceite e legumes.

Como novidade, nesta edición os alimentos poderán ser cambiados por vales en papel, de maneira que un teña as mans libres para rebuscar entre os obxectos dispoñibles. Podemos ir vendo algo  do que vai achegando a xente nas fotos do grupo de facebook, pero non se pode reservar! Ademais haberá varios sorteos: de masaxes, unha xoia e prendas de roupa.

Este sábado, por unha vez, canto máis consumamos mellor faremos!

 

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *