Vídeos para a fin de semana: películas como guías turísticas de cidades europeas

Novo mes, novo ano. Un calendario enteiro aínda en branco, moitos días por diante que encher de plans e actividades que fagan que os nosos cerebros peguen chimpos de excitación, durman felices ou simplemente esquezan todo o malo das rutinas diarias. Un dos plans estrela para fuxir do día a día e desconectar é o de coller un avión ou un tren ou calquera outro medio de transporte e lanzarse á aventura de viaxar. Un mes ou unha fin de semana, que importa? As semanas previas, as da preparación, tamén axudan: guías turísticas, moito Internet e… por que non unha película sobre o destino escollido? Ou por que non ver películas ata atopar destino?

Woody Allen sábeo moi ben: as cidades poden ser un dos personaxes máis importantes dun filme. Cres que non? Bótalle un vistazo á nosa lista. Aquí tes algunhas películas que servirán como guía turística ou como presentación dunha cidade (todas europeas):

– ‘O terceiro home’, Carol Reed. Viena. Percorrerás a capital austríaca de noite e en branco e negro, terás medo das sombras, escoitarás pasos e gatos miañando. A Viena de Carol Reed converte á cidade nun lugar bastante inquietante.

– ‘La Dolce Vita’, Federico Fellini. Roma. Fellini fixo moito pola promoción de Roma a través das súas películas, pero nada como o momento da Fontana di Trevi en ‘La Dolce Vita’. Iría tanto a xente se non existise esta película?

– ‘Paris, je t’aime’, varios (22!) directores. París. A capital francesa está tamén en moitísimas películas, de todo xénero e época e condición. En ‘Paris, je t’aime’ podemos chegar un pouco a toda esa diversidade ao ser en realidade moitas pequenas películas.

– ‘Once’, John Carney. Dublín. Que mellor para presentar unha cidade que unha película sobre músicos que tocan nas súas rúas? A marabillosa ‘Once’, imprescindible para todo amante da música e das películas simplemente bonitas, fará que te lances á procura de billetes a Irlanda.

– ‘In Bruges’, Martin McDonagh. Bruxas. A pequena cidade belga é personaxe principal desta estraña comedia. Bruxas, claro, sae moi ben.

– ‘O ceo sobre Berlín’, Wim Wenders. Berlín. Berlín en color, Berlín en sepia. Berlín desde o ceo, Berlín desde as súas rúas. Calquera que vaia a pisar a capital alemana debería antes ver este filme.

– ‘Kolya’, Jan Sverak. Praga. A historia dun neno ruso adoptado de forma accidental por un señor checo que traballa como músico de funerais en Praga. A cidade sae fermosa e triste (ás veces fea, estamos na era comunista) e a película é desas bonitas que gañan Oscars ao mellor filme estranxeiro. Porque si, así foi.

– ‘Snatch’, Guy Ritchie. Londres. O East London, os baixos fondos da cidade, as mafias, os criminais… O Londres de Guy Ritchie é sempre así (nada que ver co que vemos en ‘Notting Hill’, por exemplo). A versión orixinal é obrigatoria para descubrir todos eses acentos. E despois está Brad Pitt. Que dicir.

Mención especial. Máis Viena e máis París. ‘Antes do amencer’ e ‘Antes do atardecer’. Julie Delpy e Ethan Hawke e a súa historia de amor a través do tempo.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *