Arte&Deseño, Destacados — 12/04/2012 9:27

“O DIY é a resposta a tanta tecnoloxía”

Escrito por

Nuria Díaz, unha ilustradora cun sedutor traballo de trazos naif e encantadores, acaba de pechar unha exposición en O Gato Cósmico, na que deu a coñecer os seus traballos da serie ‘Bienvenido a mi fiesta zombie’. “Foi unha gran oportunidade para dar a coñecer o meu traballo nun entorno inmellorable”, explícanos por correo electrónico. “A idea da tenda-galería é un concepto que non existía en Santiago e que achega un pouco máis o traballo do artista á xente da rúa”. Nuria Díaz foi a gañadora do I Certame Culturgal de Creatividade Universitaria organizado por catro alumnas da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo coa colaboración de Culturgal (e co que colaborou Disquecool): tiña que facer unha casa paper toy da cultura galega, por iso falamos con ela sobre o fascinante mundo do do it yourself.

- Agora que está tan de moda, que che parece o boom do DIY?

Penso que é a resposta a tanta tecnoloxía que absorbe as nosas vidas por todas partes. Hai xente que precisamos tocar, facer; botar todo o tempo facendo cousas manuais e deixar voar un pouco a imaxinación. Poder fabricas os teus propios produtos fan que adquiran unha categoría de distinto ou especial. No meu caso, comecei hai uns anos cando quedei sen traballo e comecei a buscar a vida pola miña conta. Empecei a adicarlle todo o meu tempo e ganas a intentar vivir da ilustración.

Nuria Díaz traballando na casa da Cultura Galega DIY

Nuria Díaz traballando na casa da Cultura Galega DIY

Ves que comezas a ter tempo para facer as cousas que sempre quixeches facer e que non podías. Gústame que a ilustración non se quede unicamente nas páxinas dun libro ou dunha revista, se non que sexa unha disciplina máis plural, aplicándose dende a publicidade ata a moda, a música ou a decoración. Por esa razón, comecei a deseñar e producir obxectos como unha actividade complementaria ao traballo de ilustración ou deseño. Tendas como Etsy ou Artesanio son un escaparate perfecto onde se dan a coñecer os creativos e se venden infinidade de obxectos feitos por eles.

colgantes de Nuria Diaz - Cada vez hai máis artistas que publican na rede plantillas para que calquera poda facer cousas artísticas na casa, como pasa coas postais de Nadal ou coa recuperación das mariquitas recortables. Cres que é unha interesante oportunidade para os artistas?

A pesar de que o DIY nace dunhas ganas da volta á artesanía y á produción manual lonxe da tecnoloxía, estas son as que nos permiten dar a coñecer e achegarnos a xente cos nosos mesmos intereses. A través das redes sociais e dos blogs a xente dáse a coñecer e comeza a compartir plantillas e tutoriais cos demais crafters Xorden tendas nas que se unen a exposición e a venda deste tipo de produtos con talleres que teñen cada vez máis demanda. Sempre é interesante coñecer a xente coas túas mesmas inquietudes coas que poder compartir experiencias. Sempre resulta gratificante e aprendes unha chea de cousas.

- Cales son os teus próximos proxectos? Onde poderemos ver as túas ilustracións proximamente?

Agora estou preparando co poeta Juan Carballo unha publicación que verá a luz no outono. Estou traballando nun proxecto de decoración para espazos infantís e facendo ilustracións personalizadas para eventos de particulares. Ao mesmo tempo, busco novos obxectos e produtos nos que aplicar os meus deseños e manter un pouco actualizada a tenda online.

Fotos | Nuria Díaz

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...


Comparte en Chuza Difundir a nova en Cabozo

Sin comentarios

Deixa un comentario

— obrigatorio *

— obrigatorio *