Abril foi o mes que decidiu consultar que dicía o refraneiro popular sobre el e tomar nota. Pero as choivas non acabaron coas nosas ganas de saír á rúa (ou a Internet) a buscar e descubrir todas as cousas cool que se están a facer dentro e fóra de Galicia para contárvolas. Agora como cada mes toca facer reconto: que foi o que máis vos gustou? Aquí tedes as noticias máis lidas do mes de abril:
5. “O DIY é a resposta a tanta tecnoloxía”. Entrevistamos á ilustradora Nuria Díaz como parte do premio por ser gañadora do I Certame Culturgal de Creatividade Universitaria e falamos con ela do seu traballo dunha das tendencias que máis forte está a pegar nos últimos tempos e que máis nos gusta: o DIY (faino ti mesmo!).
4. Fai exercicio sen te despeitear: deportes para hipsters. Está claro que o universo hipster vos gusta tanto como a nós, como demostra o éxito que teñen sempre os artigos deste tipo. Esta vez, ademais, tratábase de algo práctico. Queres ser hipster sen renunciar á actividade física? É posible! Proba co frisbee, o brilé ou os dardos. Un plus do texto é a fotografía que o acompaña: o noso disquefotógrafo púxose por unha vez diante da cámara deixando claro o potencial hipster que ten.
3. 6 restaurantes exóticos en Santiago de Compostela. Como bos cidadáns cosmopolitas que somos sempre celebramos a posibilidade de comer cousas exóticas. O ideal é, claro, facelo viaxando, pero como en xeral (aínda) non somos ricos, está ben poder facelo sen saír da cidade. E Compostela demostrou que ten moito que ofrecer!
2. Os filmes galegos existen: Festival Primavera do Cine. Fixémonos eco dun festival de cine algo atípico: está adicado enteiramente a películas galegas. A resposta perfecta para todos os que queren ver cine galego pero non o atopan en ningures e para dar visibilidade a mil propostas de calidade que tenden a pasar desapercibidas ao non conseguir distribución.
1. Churruca énchese de Gløria. Nestes tempos nos que parece que todas as noticias falan de lugares que pechan, o feito de que siga a haber novas propostas e xente que se lanza a montar un negocio como un bar é simplemente fantástico. E máis se o que chega é algo como Gløria, un bar en Churruca con concertos todas as semanas, jam sessions e un lugar moi grande para a arte.
PLUS. Desde a redacción destacamos ademais Palosanto: pon un moble vintage na túa vida, a tenda de decoración online galega especializada en mobles vintage para todos os que estades xa un pouco fartos de IKEA.