O lugar onde se fabrican as cousas

La fabriquería

En Tui hai un lugar onde se fabrican cousas. Que tipo de cousas? Concertos, exposicións, sesións de merenda con bocadillos de nocilla, obradoiros de cometas, poxas de obxectos ou unha festa 1912 para celebrar o ano novo.La fabriquería

Trátase de La Fabriquería, un local con forma externa de casita onde Nuria Figueiredo organiza todo iso e máis. Nese espazo multidisciplinar, que é tamén unha agradable cafetería con ricos tés, advírtese en cada recuncho o toque artístico da súa propietaria.

La Fabriquería naceu hai máis ou menos un ano. Cando Nuria volveu de estudar Belas Artes en Bilbao e decidiu establecerse en Tui, abriu unha primeira Fabriquería que era en realidade o seu estudio de pintura. Alí, ademais, organizou mercadillos da man de Andrea da Silva (culpable tamén do mercadillo Reciclaxe), ou un laboratorio creativo.

Pouco despois xurdiu La Fabriquería actual, co obxectivo de dotar a Tui de algo do que carecía: un lugar onde escoitar música en directo (por alí pasaron The Partisan Seed, Ataque escampe ou Funk’s Bastards), ter un espazo de exposicións… “Non sei se facía falta un sitio así aquí, pero a min facíame falta, e a moita outra xente creo que tamén, xa que está a ter moi boa acollida”, explica Nuria.

Un dos puntos fortes deste espazo é que está aberto a todo tipo de propostas, a facer cousas moi diferentes, das que non gozamos normalmente. “Gústanos tamén que a xente nos propoña cousas, por exemplo, agora mesmo temos un taller de performance, que foi unha proposta do chico que o imparte. Nós cedemos gratuitamente o local para facer os obradoiros, e así tamén imos crecendo pouco a pouco”.

La fabriquería

Tamén podemos mercar arte en La Fabriquería. Neste momento están a vender varias serigrafías de Tayone, así como cadros da propia Nuria Figueiredo. “A idea é ir tendo máis obras a disposición, incluso falar con xente da facultade de Belas Artes en Pontevedra para que teñan un lugar onde mostrar as obras”.

La Fabriquería está composta dunha ampla zona de cafetería decorada con estupendo gusto natural-vintage, que é onde se realizan todas as actividades, o propio estudio de Nuria na parte traseira, e un pequeno tesouro: unha terraza que, no verán, permite programar concertos verbeneiros ao aire libre, e que conta cunha parede que cambia de deseño cada seis meses.

“Trátase dun proxecto a largo prazo”, conclúe Nuria, “nós non estamos pechados a nada”. Así La Fabriquería vai, pouco a pouco,  converténdose nun must da vida cultural do sur de Galicia.

Podemos visitala en Avenida da Concordia 29, Tui.

Fotos | Manuel Freiría e Disquecool

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *