Titanic e DIY? Constrúe o teu transatlántico de funesto destino

Por se aínda non vos quedou claro (esperade a que chegue abril e repoñan a película de James Cameron e unha chea de miniseries) este é o ano do Titanic. Cumpriranse 100 anos dende que o barco afundiu nas xélidas augas do Atlántico sen botes salvavidas para poder salvar á maioría do pasaxe, producindo así historias de valentía e covardía ás mans cheas (e demostrando que a vida dun rico interesaba máis ca dun pobre) e axudando a crear moreas de imaxes do imaxinario colectivo. O Titanic forma parte dos referentes que ten todo o mundo: posiblemente non hai lugar no que non se teña oído falar xa do seu infausto destino, da orquestra que tocaba mentres todo ía a pique, do dono da navieira que dun chimpo se colou nun dos botes e conseguiu salvar a vida e do capitán que se deixou morrer coa súa máquina.

Por se alguén quedaba sen saber do Titanic, os próximos meses vivirán un boom de memorabilia do transatlántico, con produtos lacrimóxenos (vai ou non vai Cameron lanzar a película en 3D?) e outros moito máis sorprendentes. Taschen é unha das firmas que xa ten no seu porfolio un algo do Titanic, pero como era de esperar dunha editorial como esa é algo moi sorprendente e curioso. Trátase dun Titanic do it yourself.

Titanic

Así, quen queira ter na casa unha réplica do transatlántico máis luxoso da súa época só precisará tesoiras, pegamento e moita maña. O resultado será unha maqueta de cartón a escala 1:200, con unhas dimensións de 135 cm (e na comunicación a prensa xa alertan de que as pezas están “troquelados” e acompañados “de instrucións moi precisas” que permitirán que todos poidan montala). ‘Build Your Own Titanic’ custa 9,99 euros, está en edición plurilingüe (alemán, francés, inglés) e ademais das pezas para montar o barco vén cun pequeno tomo coa historia do transatlántico.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *