O Reciclaxe arrinca motores

O multievento Reciclaxe 2011 arrincou motores oficialmente o pasado xoves, cunha festa á que Disquecool, como medio oficial, non podía -nin quería- deixar de ir.

Ao Reciclaxe probablemente xa o coñecedes todos, porque esta é a cuarta edición deste multievento, onde podemos atopar o mercadillo evento-base (con roupa outlet, de segunda man e novos deseñadores, complementos, cómics e obxectos varios), pero tamén exposicións, obradoiros, música e tapas. Terá lugar o sábado 3 de setembro (entre as 11:00 e as 22:00h) en diversos bares de Churruca.

A festa inicial do pasado xoves comezou ben, moi ben, xa que os 50 primeiros en chegar (eu entre eles) recibimos unha galleta de mmmh!! Tartas de Bea con forma do logo do Reciclaxe. Dou fe de que ademais de bonita, estaba boísima. Unha vez entrabas na Fábrica de Chocolate, eras invitado, amablemente, a facerte unha foto diante do photocall e ao carón, podías ver un stand con camisetas e bolsos co logo do Reciclaxe (máis tarde sorteáronse algúns).

Pero a festa de presentación do Reciclaxe era, sobre todo, musical. Primeiro tocaron Guerrera, un grupo de stoner, con claras influencias americanas, que sorprenderon cunha moi apaixonada actuación a pesares de que quizais era demasiado cedo para que se caldease o ambiente.

E despois chegou a que se converteu na maior atracción da festa: Fluzo. Recoñezo que eu non os coñecía ata entón e recoñezo tamén que me deixaron perplexa (para ben). Divertidos é pouco. Hip hop  de letras surrealistas en galego a cargo de dúas persoas (un en chándal e o outro con estética rocker) que parecen dous showmen: saltan, bailan, tocan instrumentos saídos do seu maxín,  fan chistes e poñen caretas.

Este concerto terminou sobre as 24:00, cando a Fábrica xa contaba cunha cantidade de público nada desdeñable. Eu, por mágoa, como Cincenta, tiña que saír correndo, pero cónstame que a sesión DJ que dirixiron Panda Jarrai non estivo nada mal.

Agora, toca esperar ansiosos ao 3 de setembro para poder gozar do Reciclaxe en todo o seu esplendor.

Fotos | Juanma Lodo

Shares

    2 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *