A próxima gran moda é o café gourmet

Porto é o noso Brooklyn. Dende que se converteu na capital modernita do noroeste da península ibérica (algo que aínda non sabemos que emocións crea en nós, estamos a medio camiño entre o amor que lle temos e o desánimo ante que sexa xa demasiado mainstream e chea de turistas), as tendencias chegan antes alí e a cidade é así unha especie de medidor de tendencias do que está por vir para os demais. Digamos que en Porto podes atopar algunhas tendencias antes de que pasen á fase de hype e antes de que as atopes tamén en cada esquina.

É a última gran tendencia que Porto está apuntalando é a dos cafés roaster.

O nome é importado do inglés (como acontece con tantas cousas modernitas) pero non é unha cousa tan nova. O boom hai cen anos dos cafés A Brasileira no mesmo Portugal (o punto de partida dalgúns cafés que hoxe son históricos e vemos como gran singularidade, aínda que nas súas orixes foran unha cadea) estaba na mesma idea: eran un tostador de café que servía cafés aos clientes.

Eles querían dar a coñecer a súa marca, os de agora queren simplemente chegar a uns consumidores gourmet. De feito son carne de listicle de cafés cool da cidade (e non vos preocupedes porque fixemos unha lista complementaria para este artigo) e para artigos de descubrimento neses espazos online que amamos (como, si, oportocool).

A aparición destas cafeterías que son tostadores de café e que ofrecen un café gourmet e diferenciado non está fóra da tendencia global. Vamos, que para nós que nos tropezamos con elas agora son unha cousa nova, pero os analistas de mercado levan adiantando xa nas súas previsións que as cousas ían por aí.

Ten bastante lóxica. Un dos cambios que se impuxeron no mercado nos últimos anos, impulsados sobre todo polos gustos dos millennials, foi o do boom de todas aquelas cousas que poden ser vistas como experiencias. Búscase o novo, o diferente e aquelo que ten un valor máis alá do que é o produto en si. Por tanto, se se vai tomar café parece lóxico que –no mundo no que se moven os consumidores agora– esperen que sexa algo distinto.

A National Restaurant Association estadounidense, nas súas previsións para 2019, apuntaba que o café artesán, tostado na casa (casa aquí como bar), ía ser unha das grandes tendencias do ano. O 51% dos chefs que participaron na súa enquisa sinalou que sería a tendencia clave en bebidas non alcólicas. O poder do café gourmet é tal que durante os últimos anos Starbucks estivo intentando que fose a solución aos seus problemas. Dado que a súa marca deixou de ser o sofisticada que ata entón fora (en EEUU sufre xa de ser acusada de ser “basic”), a compañía estivo experimentando cos seus Starbucks Reserve Roastery and Tasting Room, salas de degustación de cafés de calidade superior.

Este tipo de espazos serven “café especial”, para o que se usa moitas veces o termo en inglés “specialty”. Como explicaban nun breve folleto nunha das cafeterías en Porto, a C’alma Specialty Coffee, o termo “non se refire a prácticas especiais, preparación ou equipamentos sofisticados e caros”. O termo implica simplemente que o café cumpre cun certos requisitos de calidade e que se realizan procesos de avaliación constantes para garantir isto. Ademais, seguen criterios de respecto das variedades e das súas características.

Por suposto, a experiencia gourmet vén tamén acompañada de prezos máis elevados do que é habitual. Si, na miña experiencia de investigación portuguesa gastei a tres euros por café (e Disquecool non cobre gastos, maldita sexa!).

Máis na guía de cafeterías gourmet no Porto

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *