4 axendas para 2019

Igual que cando se tiña idade para ir á escola unha das mellores cousas de setembro era a de mercar material escolar e libretas novas, unha das mellores da idade adulta cando comeza o novo ano é a de mercar a nova axenda para o ano entrante. Case mellor que a usar é o proceso de mercar unha nova axenda e de ter que escoller entre todas as opcións posibles. Hai moitas e todas son moi atractivas.

Para facer —en parte— máis fácil o proceso fixemos unha selección coas que podedes mercar en galego.

Axenda 2019

Xerais ten un dietario para o ano que vén (e si, o de dietario é porque vai a día por páxina). Ademais inclúe datos de efemérides galegas, cultura popular, feiras e festas populares ou ata (imaxinade unha sucesión de emojis tristes) o calendario fiscal (que si, é moi útil). É o formato de axenda máis clásica e posiblemente o que funcione como agasallo de Nadal (propio ou para outros) para un público máis amplo.

Máis

Plano detallado do ano 2019

Imos poñernos subxectivas e ides aceptar que o fagamos: deste listado a axenda de Irmás Cartoné é a nosa favorita. A de Irmás Cartoné é o modelo de axenda literaria. Ademais de incluír espazo para apuntar as nosas cousas (neste caso a semana vista) inclúe citas e ilustracións literarias. O único elemento a ter en conta é que ides perder moito tempo lendo o mapa que forma as cubertas. Avisamos!

Máis

Axenda Rosalía

A aportación en espiral do listado. Deseñada por Animosa, inclúe citas de Rosalía de Castro, centos de frases inspiradoras de mulleres, efemérides ou espazos para facer os plans do ano. É das axendas a que ten un enfoque máis inspirador para o ano, o que sabemos que non é para todos (pero que ten fans moi entusiastas)

Máis

Axenda Feminista

O Observatorio da Mariña pola Igualdade leva xa uns cantos anos lanzando a súa axenda feminista (en 2018 era a oitava edición). No seu Facebook compartiron xa unha imaxe do traballo en proceso da axenda deste ano, así que haberá que estar atentos á súa web para descubrir máis de como será a edición 2019.

Máis

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *