Cando o Nadal comeza a estar próximo (e próximo xa case é setembro), nos supermercados e nas tendas nas que venden doces comezan a aparecer os calendarios de advento. Cada día na conta atrás para o Nadal, podes abrir un dos apartados e comer un doce (ou podes facer como tanta xente e simplemente abrir todos nun arrebato de paixón polo chocolate). Son ubicuos. Pero o certo é que os calendarios de advento e os calendarios de Nadal non só son cousa de doces e chocolate, tamén os hai doutras cousas, como é o caso da cosmética.
E si, sabemos que levamos uns días de retraso nas recomendacións e que o calendario debe comezar a abrirse o día un de decembro. Pensade que é un plus para abrir dunha sentada varios dos apartados. Aquí vai unha selección de calendarios de advento e calendarios de Nadal que en vez de chocolate están cheos de cremas, bombas de baño e outras cousas para o tan de moda –e nunca tanto nos gustou unirnos a unha– self care.
Calendario de Advento Cowshed
Si, Cowshed significa “corte de vacas”. Tamén é o nome dunha marca británica de cosmética que non so ten un packaging moi cool, senón que ademais ten uns produtos bos.
O seu calendario de advento inclúe miniaturas dos seus diferentes produtos en cada un dos días, pero é tamén un obxecto bonito por si mesmo grazas á ilustración de Clare Melinsky que o protagoniza. Non é barato, pero non é unha marca de cosmética low cost.
En Laconicum
Doce días de Nadal
Seguindo unha panxoliña inglesa (moi popular nos países anglosaxóns) que di cousas que se deben facer nos días de Nadal, Lush ten non un calendario de advento pero si un calendario para o Nadal. Dado que é unha caixa da que se poden sacar cousas cada día, ten que entrar aquí. Unha burbulla de baño cun elfo traveso, un xel de ducha de neve ou unha bomba de baño de espírito do Nadal son algunhas das pezas.
En Lush. A tenda Lush máis próxima segue estando en Madrid ou en Santander, pero venden online a toda España
Calendario de Advento clásico
En L’Occitane teñen varios modelos de calendario de advento para o Nadal. O clásico inclúe os seus produtos máis populares (e por algúns deles na redacción de Disquecool poñemos a man no lume) cun deseño pop realizado pola firma Castelbajac.
É máis colorido e rechamante e non sube dos 50 euros (que tendo en conta que L’Occitane non é barata é algo un tanto sorprendente).
Tendas en Vigo e na Coruña
Só queria fazer uma pequena correcção, Lisboa está a 538 km de Santiago de Compostela e Madrid a 600, polo que a loja mais próxima da Lush não está em Madrid.