6 disqueconsellos para unhas festas de Nadal máis verdes

Esta semana vin un tuit no que alguén dicía que as próximas xeracións non entenderían a canción Baby, it’s cold outside e que habería que explicarlles o contexto, que era unha época distinta. Polo contido algo problemático da letra na que el insiste en que ela non marche porque fóra vai frío e ela sospeita que el lle puxo algo na bebida? Non. Habería que explicarlles que antes podía ir moito frío fóra.

Todos os que non somos Trump ou curmáns dun expresidente temos xa claras cousas como que o cambio climático é algo real e que levamos moitos anos facéndolle bullying á Terra, e sen embargo seguimos a caer en contradicións constantes (porque somos humanos, si, pero tamén porque somos humanos e vagos). Xeramos residuos con alegría mentres compartimos novas alarmantes (e neste tema a alarma ten unha base sólida) sobre medio ambiente en redes sociais. E cando chegan as festas de Nadal toleamos e esquecemos o noso planeta durante un mes.

Que facer? Deixar de celebrar estas festas ao modo tradicional? Esquecer agasallos e comidas e ceas? Claro que non. Só hai que evitar que as luces nos ceguen (aínda que esteamos en Vigo, non é escusa) e ser un pouco máis conscientes. Igual que xa non saímos ao monte a rascar o musgo das rochas para o Belén (porque é ilegal, si, porque xa non se fan nacementos tan ao grande, tamén, pero quero pensar que tamén porque de verdade calou que non está ben facelo), podemos adaptar outros costumes para que as xeracións vindeiras poidan seguir desfrutando do planeta.

1. Que a árbore de Nadal sexa natural (ou artificial doutros anos)

 

É dicir, se este ano vas mercar unha árbore nova, que non sexa de plástico. Se xa a tes doutros anos, si, utilízaa todo o que poidas, porque unha vez que vaia ao lixo vai ser deses residuos malos (outra opción cando non a queiras máis é vendela). O da árbore natural xa temos todos claro que non consiste en ir ao monte a coller un piñeiriño, non? O correcto é ir a un viveiro ou outro sitio de fiar e mercalo alí. Cando rematen as festas, se non queres plantalo na finca (ou, vaia, non tes finca na que plantalo), podes devolvelo ao viveiro. Xa cada vez máis ofrecen servizo de reciclaxe de árbores de Nadal e así asegúraste de que teña un futuro sostible. E se intentas mantelo vivo e morre non é o fin de mundo: é biodegradable e creceu dando osíxeno, algo que non poden dicir as árbores de plástico.

Outra opción se non acabas de ver o da árbore natural e es unha persoa hábil coas manualidades é facer unha con materiais reciclados. Google ten moitísimas ideas!

2. Sé verde tamén nos agasallos

Isto significa moitas cousas: merca todo o que poidas en comercio local e pequeno, apoia produtos fabricados de forma sostible e ecolóxica, agasalla cousas que axuden a quen recibe o regalo a levar tamén unha vida máis respectuosa co medio ambiente: bolsas de tea para a compra, botellas de auga reutilizables, tazas reutilizables para o café para levar; roupa sostible que vaia ter unha vida longa, plantas, produtos de mercado xusto, unha suscrición a unha cesta de froita e verdura… É fácil!

Outra opción é regalar experiencias: entradas para un concerto, unha fin de semana nun hotel ecolóxico, unha suscrición a un servizo de streaming…

3. Esquece o papel de regalo

Non, non significa que haxa que deixar os agasallos sen envolver (que hai mellor que eses nervios mentres abres un regalo?), pero o papel clásico non é a única opción. Podes usar papel reciclado —o clásico marrón de embalar (reciclado!) queda moi ben se o fas bonito— ou podes innovar e facer algo como envolver en tea e non en papel, cun pano para o pescozo, por exemplo, facendo un regalo dous en un.

Despois está o clásico (é clásico na miña casa, polo menos) de gardar os papeis de regalo e reutilizalos outros anos. Para isto hai que ser coidadoso ao abrir os paquetes e non rachar o papel coa emoción, claro, pero así saboreades o momento.

4. Se adornas con luces, que sexan LED

Igual é xa o momento de tirar esa tira de luces que ten trinta anos e que cada ano dubidas se funcionará ou se provocará un curtocircuíto. A substitución que sexa en LED, que consume menos. Pero con sentidiño, que nove millóns de bombillas igual son innecesarios.

5. Repensa os christmas

Como amantes que somos das postais e de recibir cousas que non sexan facturas na caixa de correo da casa, non imos ser nós quen digamos que non enviedes christmas, xa case extinguidos. Pero igual podedes innovar. Os de Unicef están ben porque polo menos son por unha boa causa, pero tamén podedes facer christmas vós mesmos con cartolina reciclada ou buscar tarxetas desas que se poden plantar (si! existen!) e agasallar unha planta ou unha árbore en potencia.

Despois están tamén as felicitacións electrónicas, que supoño que son mellores do que eran hai anos cando eran animacións flash que necesitaban varios plugins e despois eran feas. As de poñer a túa cara nun elfo que baila seguen a facer graza, supoño.

6. Come máis ou cociña menos


É dicir: intenta non ter que tirar comida. Para isto podes axustar as cantidades, que sei que é algo que provoca calafríos só con pensalo, ou comer máis! Non tes que comelo todo no mesmo día, lembra que temos frigoríficos e que o bo de comer sobras durante unha semana e que é unha semana na que non cociñas. (Se non es o responsable da cociña, fala coa persoa encargada, ofrécete para axudar e destrúe o sistema desde dentro. Ou aparece en todas as comidas e ceas cargado de tuppers para repartir sobras).

Felices festas!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *