Os cafés hipster son os novos McDonald’s

Xuro que é en Cidade de México.

Penseino o pasado mes de maio tomando un capuccino (ou era un caffè latte?) nun bonito café no barrio de Coyoacán, en Cidade de México. Cumplía todas as características: decoración en madeira clara, mesa alta comunal no centro (e nas fiestras a modo de barra para quen traballe en portátil), tipografía limpa no nome e nas cartas. Menú escrito nunha parede pintada de pizarra, con todos os tipos de cafés co seu nome italiano e os zumes ou smoothies. Distintos tipos de pan con todo tipo de cereal e muffins, rolos de canela, distintas tartas e biscoitos tras unha vitrina.

Mentres tomaba o meu latte (ou era un zume detox de froitas?) e aproveitaba o wifi do lugar —imprescindible neste tipo de establecementos— pensaba que estaba en Ciudad de México, pero que podería estar en calquera lugar do mundo. En Nova York, en Viena, seica en Vigo. Fixen unha foto do local e envieina a un grupo de Whatsapp. Todas coincidiron: porque sabían que andaba de viaxe por aí, senón a foto non serviría como proba. E si, púxenme un pouco triste.

Estaba alí porque eu decidira entrar alí. Porque son unha persoa predicible e este tipo de cafés (non cafeterías! nas cafeterías hai señoras e aquí só xente moderna!) resúltanme atractivos. Aquel día non me apetecía almorzar chilaquiles (que están deliciosos tamén de almorzo, aínda que para nós sexa un concepto estraño). Aquel día buscaba o familiar, o coñecido. E fixen o que tantas veces critiquei noutros viaxeiros: entrei nun establecemento con tan pouco sabor local como unha tenda de Apple.

Sabía o que tiña que facer porque é igual en todas partes: pedir e pagar na barra (isto é o único que varía, pero o deseño do sitio xa deixaba claro como era). Non tiven que pasar polo momento incómodo de preguntar que son as cousas, non houbo espazo para o erro de pedir algo que despois non é o que cría. Todo fácil, todo seguro: café italiano con escuma, un bolo doce, zume de froitas.

Admitilo foi duro. Eu que sempre mirei con desprezo a xente que viaxa e acaba no Starbucks, aos viaxeiros de McDonald’s, estaba a facer o mesmo. En versión hipster ou intelectualoide. Non era unha cadea (aínda que non tiña nada de orixinal), o café era bo e de comercio xusto, as froitas locais e o pan artesán. Pero non estaba aprendendo nada da cultura local, estaba como nunha paréntese, na comodidade do familiar antes de volver a ese lugar tan distinto que é México. Cos tipos de café en italiano, si, pero que entendía mellor que calquera menú en castelán dos restaurantes do país.

Resulta que o cool xa non é cool, só en excepcións nas que si hai un intento de ir máis alá. Significa isto que debamos fuxir destes cafés tan modernos e atractivos como se fosen un Starbucks máis? Non, claro que non. Pero igual temos que deixar de crer que somos mellores ou máis especiais cada vez que subimos unha foto dese latte macchiato tan ben feito a Instagram. Especialmente se é o lugar no que acabamos durante a nosa viaxe de mochileiro superviaxeiro e auténtico por Tailandia. 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *