Setembro é, como era viral onte en Twitter, o luns dos meses: ese mes que dá un pouco de baixona porque é o punto e final das vacacións. É o momento de volver ao traballo e da volta ao cole (e para quen non logramos deixar a idea de que o ano comeza cando empeza a escola aínda que pasaran xa anos dende que íamos ao colexio é o principio do ano). Pero non hai que se deprimir: só hai que pensar en todas as cousas que a axenda trae para as próximas semanas e todas as cousas que poderemos facer porque, xustamente, estamos en setembro. Estes son ademais só cinco potenciais plans. Podedes deixar máis ideas nos comentarios.
Roteiros literarios – Provincia de Pontevedra
Cada sábado de setembro (e o primeiro de outubro) diferentes vilas da provincia de Pontevedra protagonizarán roteiros literarios, que seguirán a escritores, obras ou historias vinculadas ao lugar en cuestión. Os anfitrións son á súa vez escritores. É gratis, pero hai que se apuntar previamente (organiza a Deputación).
Bazares nos bares, Vigo, día 15
Os bares de Churruca están abertos durante o día para acoller postos de ilustración, xoias, costura, deseño, decoración, etc Unha escusa para ir de compras.
Quedamos na casa!, Santiago de Compostela, día 22
A Finca Simeón é un palacete Belle Époque que non está aberto ao público (si os xardíns), que ten ese aire fascinante de lugar do pasado (pero que é hoxe algo tan pragmático como un edificio da USC). O día 22 será tomado por diferentes intervencións artísticas, o que permitirá curiosear os seus interiores. Haberá teatro, música e danza.
PianoMeeting, Ourense, a finais de setembro
Catro pianos en catro espazos singulares polo medio da cidade e horas e horas de música en vivo durante unha xornada? Unha idea moi atractiva. Ourense acollerá a nova edición deste curioso festival de piano. Non hai datas en firme, pero é a finais deste mes.
Curtocircuíto, Santiago, a partir do día 29
É un clásico dos festivais de cine en Santiago. Este ano volve e con dúas seccións novas, que que permitirán repasar a traxectoria de cineastas galegos y darán a coñecer aos que están empezando. A sesión competitiva Planeta GZ contará con varios títulos de diferentes autores galegos.