O que o café que tomas di do teu pensamento político

Steve Jobs dicía que hai una app para todo naquela frase célebre que era un slogan para o seu iPhone e que entrou no imaxinario colectivo. Sobre os estudos científicos, case poderíamos dicir o mesmo. Pouco importa o que queiras saber ou os estraños vínculos que queiras atopar. Seguro que hai xa algún estudio que os analizou previamente. E, nesa lista de sorprendentes análises, acaba de sumarse a que establece un vínculo entre o modo no que se toma café e o pensamento político.

O estudio chega dende Estados Unidos e aplicado aos seus pensamentos políticos (queremos dicir con isto que non sabemos como se podería traducir ao caso galego, pero podedes deixar as vosas teorías nos comentarios). A conclusión está en que canto máis á dereita esteas no espectro político máis conservador es tamén no teu consumo de café. O estudio partía dunha sorte de tópico que apunta que os progresistas estadounidenses son “latte liberals”, liberais que beben cafés con leite á italiana.

Os liberais (as ‘esquerdas’ estadounidenses) toman máis lattes que os conservadores, algo que fan, segundo o estudio, porque están máis abertos ás cousas novas. Os lattes son cafés de aires europeos (lembremos que falamos de EUA) e que se asocian subconscientemente a esa orixe. Pola contra, os conservadores son menos dados a beber lattes, pero tamén son menos dados en xeral a beber ou consumir produtos que parezan, soen ou sexan estranxeiros. Os conservadores son máis de café americano, o clásico formato de consumo de café estadounidense.

Os vínculos de percepción do mundo en termos políticos parecen máis efectivos, suxire o estudio, para comprender por que toman máis lattes  uns consumidores que outros do que o son outros elementos, como poden ser a dispoñibilidade dese tipo de café, os ingresos por fogar ou o xénero do consumidor. Estes elementos poden axudar a facer que beban máis cafés latte, pero non explican aínda así a diverxencia entre a quen votas e o tipo de café que bebes. Isto é, vivir nun barrio hipster no que podas acceder a ese tipo de café axuda, pero se es unha persoa conservadora –por moito que esteas no barrio hipster– é menos probable que bebas un latte fronte a un café americano.

Shares

1 comentario

  • Yoli di:

    Desde a nosa perspectiva podemos analizar que os políticos americanos son igual de malos que o café que se toma alí, auga chilra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *