A derradeira novela de Stefan Zweig

En febreiro de 1942, Stefan Zweig perdeu toda esperanza. O escritor, un dos autores máis populares na Europa de Entreguerras, fuxira da súa Austria natal escapando dos nazis. As súas orixes xudías e a súa condición de escritor cosmopolita facían que a súa supervivencia na órbita da Alemaña nazi fora complicada.

O escritor viviu en París, logo en Bath e en Londres (onde conseguiu a cidadanía británica) e despois marchou a América. Viviu unha tempada en Estados Unidos, pero remataría en Brasil. Acompañado por Lotte, a súa segunda esposa, instalouse na cidade de Petrópole. Dende alí seguirían as novas do que estaba pasando en Europa e iríanse convencendo cada vez máis de que non había esperanza, de que o porvir era cada vez máis gris. O 22 de febreiro, despois de deixar todo ordenado e instrucións claras do que querían que acontecese trala súa morte, Stefan Zweig e Lotte Altamann suicidáronse.

Entre os últimos textos nos que Zweig traballara eses últimos anos estaban as súas memorias (que foron publicadas dun xeito póstumo), algún texto de non ficción, borradores inacabados de obras de ficción e unha novela curta (o xénero no que o escritor austríaco era máis recoñecido), a Novela de xadrez.  A novela foi escrita en 1941 e publicada postumamente en 1943 (e habitualmente aparece mencionada nos artigos sobre Zweig como a novela máis popular na actualidade das do escritor). A súa lectura, a día de hoxe e sabendo a historia biográfica do seu autor, resulta aínda máis impactante.

Novela de xadrez acaba de chegar ás librarías galegas. A novela fora publicada en galego 14 anos atrás por Ir Indo, pero acaba de ser publicada novamente (partindo da mesma tradución pero revisada, polo que comentan en redes sociais desde a editorial) por Irmás Cartoné. O título é ademais un dos dous que se publicarán en galego de Zweig, o que fai ter esperanzas de que se produza un movemento de tradución e publicación do escritor en lingua galega. A edición de Irmás Cartoné é especialmente fermosa: as súas capas xogan unha coa outra e capturan a partida de xadrez que é o punto crucial da historia.

A historia parte dunha desas anécdotas un tanto banais da vida cotiá (historias que poderían ser absolutamente superficiais pero que serven para introducir moitas cousas moito máis complexas e complicadas, e non hai máis que pensar en A impaciencia do corazón, a novela longa do autor, e como todo se desenvolve a partir de pequenas decisións que poderían parecer intranscendentes).

Nun barco que une Nova York con Brasil viaxa Mirko Czentovic, o campión mundial de xadrez, o que crea unha certa tensión no barco entre un grupo de viaxeiros. Queren xogar contra el e gañarlle, algo que parece imposible ata que aparece un misterioso xogador brillante. Pero, por suposto, o xogador brillante ten un pasado moito máis complicado tras de si e o que a novela nos acabará contando será unha historia moi vinculada ás propias experiencias que Zweig estaba vivindo e aos efectos que a II Guerra Mundial estaba tendo.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *