6 libros para ler este verán

O verán é un momento perfecto para ler. Sentimos que temos máis tempo libre (as vacacións!), máis oportunidades para sacar un libro (a praia!) e máis tempos mortos que podemos aproveitar (esas horas en avións e trens!). Para facer as cousas máis sinxelas fixemos unha selección entre as novidades que chegaron nos últimos tempos ás mesas das librarías de títulos que engadir á lista de lecturas. Por suposto, non están todos os libros nin todos os autores posibles e esta é só unha selección, pero sempre podedes engadir as vosas recomendacións nos comentarios e ampliar así o listado.

A virxe e o xitano, D.H. Lawrence (Irmás Cartoné)

Non sabemos ser levar un libro de Irmás Cartoné á praia debería ser considerado un crime (están no noso top de edicións máis bonitas que se están a facer agora mesmo en galego). A súa penúltima novidade (acaban de publicar Novela de xadrez, de Stefan Zweig, no tempo de desconto na elaboración deste artigo) é A virxe e o xitano, de D.H. Lawrence. O habitual é asociar a D.H. Lawrence con O amante de Lady Chatterley, que foi a súa novela máis polémica e é por tanto a súa obra máis popular, aínda que o escritor deixou unha obra máis ampla que ese título.

A virxe e o xitano é unha novela corta,  con certo toque de bildungsroman. Yvette volta á pequena localidade na que medrou nas Midlands, tras rematar a súa educación na Europa continental coa súa irmá. As dúas rapazas son as fillas dun vigairo, que medraron na pesada atmosfera da casa parroquial baixo o absoluto control da avoa despois que a nai marchara co seu amante. Yvette acaba sumida nese asfixiante entorno familiar, ata que unha serie de encontros fan que se empece a plantexar certas cousas.

A sociedade literaria e do pastel de pel de pataca de Guernsey, de Mary Ann Shaffer e Anne Barrows (Rinoceronte)

Non é exactamente unha novidade, pero a axenda cinematográfica acaba de facer que esta novela volva a estar de actualidade. Nos cines acaban de estrear non hai moito a versión en filme desta novela epistolar, un best-seller en inglés (dos de ‘os máis vendidos do The New York Times’) de hai uns anos e que Rinoceronte publicou en galego hai un par de anos.

A historia é unha novela histórica en formato epistolar que segue o intercambio de cartas entre unha escritora na posguerra, Juliet Ashton, e o membro fundador da Sociedade Literaria e do Pastel de Pel de Pataca de Guernsey. A novela adéntrase non só na historia dun club de lectura senón tamén na ocupación da illa de Guernsey, territorio británico que durante a II Guerra Mundial estivo ocupado por Alemaña.

Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales (Galaxia)

Outra novela que volve a estar de actualidade polo efecto que teñen outras axendas. Galaxia lanzou o título en outubro, pero moitos lectores tropezarán agora coa autora e coa novela nos medios porque Lumen acaba de publicar a novela en castelán como Deje su mensaje después de la señal e está facendo a campaña de promoción e marketing vinculada ao lanzamento.

Así que velaquí unha escusa para recuperar un dos libros da tempada de Nadal.

Marina, Carmela, Sara e Viviana son catro mulleres con vidas completamente diferentes que van narrando o seu día a día a través de mensaxes que deixan nun contestador automático.

Sen piedade, de Pedro Feijoo (Xerais)

Non, non limos aínda este libro. E si, estamos a recomendar que o leades por unha razón un tanto ‘superficial’. Este libro está na lista pola súa coberta. Cando pensamos en facer o listado, na disquerredacción houbo quen dixo que este libro tiña que entrar. Foi a mesma persoa que cando o veu online pensou en baixar á feira do libro para mercar un exemplar. Pode parecer unha razón moi pouco literaria para recomendar un libro, pero vendo os desastres /trapalladas que as ‘majors’ editoriais galegas fan no deseño das portadas dos seus libros non é realmente.

O libro da cuberta atractiva vén asinado por Pedro Feijoo, o que é selo de garantía de best-seller (algo que en Disquecool sempre aplaudimos). É que hai máis apropiado para ler no verán que un best-seller?

Unha muller perdida, de Willa Cather (Hugin e Munin)

Un rico que fixo fortuna co ferrocarril e unha dama de alta sociedade en proceso de decadencia. Que máis podemos pedir para querer ler unha novela? Hugin e Munin publica a tradución galega de A Lost Lady, de Willa Cather (Cather é ademais, e non esquezamos, un dos grandes nomes da literatura estadounidense de comezos do século XX).

Sempre a podedes gardar para eses días de frío inesperado no verán ou para os derradeiros días de setembro, cando deberíamos estar preparándonos para o outono.

Hugin e Munin é, por certo, outra das editoriais que están no pequeno altarciño de Disquecool das edicións fermosas.

O curioso mundo de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly (Kalandraka)

A evolución de Calpurnia Tate é un deses libros que entran no que se chama literatura crossover, libros que non teñen idade (e que moitas veces son historias para nenos ou adolescentes que funcionan moi ben tamén entre os adultos). Kalandraka, que publicou en galego esa novela, acaba de publicar tamén agora a continuación, O curioso mundo de Calpurnia Tate.

O primeiro libro é un canto á ciencia e ao pensamento científico e crítico e unha lectura moi recomendable. O verán pode ser unha perfecta escusa para (teñas a idade que teñas) ler a segunda parte (e a primeira!).

Foto | Ylanite Koppens  (Pexels)

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *