As bibliotecas máis fermosas de Portugal

As bibliotecas son un deses lugares que nos fascinan. Fano habitualmente (e xa só co poder que teñen para chamar a nosa atención os seus libros) e fano especialmente cando ocupan lugares e espazos singulares. Recuperar edificios converténdoos en bibliotecas, crear lugares novos e sorprendentes para os libros… Todas as ideas son moi sedutoras, como tamén o son aquelas bibliotecas que ocupan lugares históricos e que levan sendo bibliotecas dende hai séculos.

Facer turismo descubrindo bibliotecas parécenos por tanto unha brillante idea, como tamén pasar horas mirando e admirando estes espazos. Descubrir bibliotecas singulares non é complicado. A rede está chea de listicles e Pinterest chea de imaxes. E, por suposto, as bibliotecas singulares son tamén material para libros.

O último acaba de ser publicado por Taschen.  The World’s Most Beautiful Libraries, con fotografías de Massimo Listri, recolle aquelas bibliotecas que son consideradas as máis fermosas do mundo. Son bibliotecas que son tesouros polos libros que acollen, pero tamén polos propios espazos que elas mesmas ocupan.

E entre as bibliotecas que singulariza o libro decidimos quedar coas que están máis preto da casa. Na lista das bibliotecas máis bonitas do mundo están dúas das bibliotecas históricas máis impresionantes de Portugal.

Unha delas é a biblioteca do Convento de Mafra, preto de Lisboa. Mafra, primeiro un convento e logo un gran palacio da familia real portuguesa, é un dos palacios máis suntuosos e luxosos do país veciño. A biblioteca é unha das máis importantes bibliotecas históricas portuguesas e conta con máis de 36.000 volumes, con varias obras raras, incunables, libros de horas ou unha primeira edición da Enciclopedia.

A outra biblioteca presente no libro é a biblioteca da Universidade de Coimbra, unha xoia do barroco. A biblioteca Joanina é outra das bibliotecas históricas máis importantes de Portugal e é un dos tesouros da Universidade de Coimbra.

Historicamente, a universidade tiña a súa propia policía e o seu propio cárcere, no que metían – entre outros – a quen danaban os libros da súa biblioteca.

As dúas bibliotecas non só son impresionantes, senón que ademais seguen contando cun curioso método de protección dos libros. Para protexer os volumes das pragas e da acción dos insectos, seguen empregando morcegos. Os morcegos viven na propia biblioteca e saen de caza cando chega a noite, cando se aplican en protexer aos libros dos seus ‘inimigos’.

Fotografías | Massimo Listri / TASCHEN

Respectivamente: Biblioteca Joanina, Coimbria, Portugal
Biblioteca do Convento de Mafra, Mafra, Portugal
Biblioteca Joanina, Coimbria, Portugal (detalle)

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará