Este best-seller é sobre o Camiño de Santiago

Non teño moi claro canto éxito acabou tendo a tradución de The Rosie Project (que publicou Salamandra como El proyecto esposa) de Graeme Simsion en España. Nun artigo sobre a tradución da segunda entrega literaria protagonizada polo mesmo personaxe apuntaban a que superara os 20.000 exemplares vendidos, o que o mete entre libros con bastantes boas ventas. No mundo anglosaxón, The Rosie Project e The Rosie Effect, o primeiro e o segundo libro (que seguen a vida amorosa dun profesor universitario, Don Tillman, asperger) foron bombazos de ventas, sobre todo o primeiro. Simsion, un autor australiano, é xa deses nomes que venden exemplares e que aparecen en moitas desas listas de libros para ler.

Por iso, cando descubrín que a súa última novela estaba ambientada no Camiño de Santiago decidín lela, para funcionar como unha sorte de gurú que vos ía falar de como un dos próximos best-sellers está ligado a Santiago. O libro acaba de aparecer en Estados Unidos e está a facer o circuíto dos blogs. Eu cruceime co libro no blog de romántica do USA Today (grazas a eles souben que chegara ao mercado) e agora acabo de dar outra vez con el en Smart Bitches (O blog de romántica, cunhas críticas estupendas e sempre moi divertidas), onde lle deron unha puntuación bastante boa. Polo momento non chegou aínda ao mundo dos listicles de lecturas para o verán, pero asumo que o fará xa que o libro ten non só o tirón do autor senón tamén o elemento de que os dereitos para a adaptación cinematográfica xa están vendidos.

A edición estadounidense

A edición estadounidense

Two Steps Forward, que é o título do libro, está escrito a dúas mans. Simsion é coautor xunto con Anne Buist, unha autora australiana que tamén é a súa esposa. Buist e Simsion fixeron xuntos o Camiño en dúas ocasións e as súas propias experiencias foron as que lle serviron como punto de partida para narrar a historia.

Isto fai que a narración teña un punto se cadra máis realista e menos romántico do que pode supoñer a experiencia (ou iso é o que transmite) e tamén sexa o que explica que non sexa unha narración trufada de tópicos sobre España / Francia (ou polo menos que non dea esa sensación horrenda de tantos libros, que parece que están feitos a partir de lugares comúns e desvaríos románticos e aventureiros dos viaxeiros victorianos).

O libro segue dúas historias, a de dúas persoas de ‘mediana idade’ que deciden facer o Camiño dende Cluny, en Francia, por razóns moi diferentes e que acaban cruzándose en ocasións. Martin acaba de divorciarse, ten unha relación non moi boa coa súa filla e está na ruína, polo que decide deseñar unha especie de carro para camiñantes. Como ten que probar a súa resistencia para convencer aos posibles inversores, decide probalo no Camiño. Zoe acaba de quedar viúva e está nun momento de crise existencial. Comeza a facer o Camiño simplemente porque está convencida de que así poderá volver a atoparse con ela mesma. Son dúas posicións moi diferentes, pero interesantes xa que reflexan esa diversidade de razóns polas que a xente fai o percorrido. Durante as semanas que estarán camiñando, cruzaranse tamén cunha serie de secundarios que aportan maior dimensión á experiencia.

A edición británica

A edición británica

Posiblemente, este sexa o maior atractivo do libro, que consigue capturar a experiencia e transmitir o proceso do que supón facer o Camiño incluso para aqueles (como é o meu caso) que temos escasos coñecementos de primeira man sobre o que pode supoñer camiñar durante tantos quilómetros (ou interese en facelo). Este peso da experiencia sobre os personaxes fai que, en ocasións, tanto Martin como Zoe queden pouco debuxados e un tanto arquetipados.

Por outra banda, tendo en conta a estratexia que parecen estar seguindo o seu equipo de comunicación en Estados Unidos e onde está aparecendo, podería pensarse que a editorial quere vender a historia como novela romántica contemporánea, aínda que eu non a metería no xénero. Eu diría que entra máis dento do grupo literatura comercial, pero sen exactamente un xénero concreto. Contemporánea, ao máis amplo.

E, aínda que non foi exactamente a ‘miña cunca de té’ (como dirían os ingleses), si creo que é unha novela con potencial para chegar a un público amplo. Isto implica que, por unha banda, se fose a persoa responsable de comprar literatura comercial estranxeira para unha editorial galega intentaría mercar os dereitos de tradución (e xa que traballo nesa editorial de mentira tamén decidiría poñer unha cuberta que encaixe realmente coa literatura comercial).

E, por outra banda, penso que se vende en inglés como as obras anteriores do autor terá un efecto chamada de curiosidade pola experiencia. Se cadra non veñan mancheas de turistas a Santiago polo libro (aínda que se a película de Martin Sheen o logrou…), pero si que haberá un momento de búsquedas online tras a lectura.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *