Música, Slide — 30/01/2012 9:24

“A temática do disco é universal, desde o subconsciente”

Escrito por

Emmy the Great diante da panificadora de Vigo

Cando se ergue o pano e aparece o artista, poucos pensamos nas cousas que tiveron que pasar para chegar a ese momento. Non pensamos en se está canso ou non, en se tivo un bo ou un mal día, en se pasou as últimas horas antes do concerto tomando o sol caña en man ou nunha proba de son infernal. E a verdade é que cando a maxia toma o escenario, realmente non importa.

Seguro que ninguén imaxinou durante o concerto de Emmy The Great en Vigo o sábado pasado que pasara a tarde nese mesmo escenario tocando anacos de cancións ou cancións enteiras unha e outra e outra vez. Preguntándose por que non soaba ben o que ata agora funcionaba, buscando a orixe dos problemas. Cos seus músicos, o seu equipo, os técnicos de son do auditorio, e dous infiltrados en primeira fila, unha servidora e o disque-fotógrafo, esperando que a proba de son máis longa da historia rematase. Pero Emma Lee-Moss, que é moi great (chiste fácil innecesario), fíxonos un oco xusto antes de ir cear. Foi todo sorrisos. E, pola noite, o seu concerto, brillante.

- Que tal vai a xira?

Vai ben, a proba de son de hoxe foi bastante intensa, así que agora estou como “grrr”, pero normalmente estou moi relaxada.

- As viaxes están a ser tamén algo accidentadas, non?

Si, onte avarióusenos a furgoneta! Quedamos atrapados nunha área de servizo durante unhas tres horas. No restaurante estaba soar sen parar unha mestura de Phil Collins e Kathrina & The Waves, estiven todo o rato intentando unir os meus oídos co meu cerebro para borralo. Pensamos que estabamos mortos e que estabamos nalgún lugar entre a vida eterna e a vida real… entón chamoume un amigo e pensei “vale, seguimos vivos, é só que todo é un pouco infernal”.

- E mañá voabas con Spanair… es gafe? [o voo Vigo-Barcelona de onte]

Certo! Spanair na bancarrota! Non son eu, de verdade, creo que é culpa de Alex! [o guitarrista]

Emmy the Great diante no auditorio municipal de Vigo- O teu primeiro disco era moi directo, e ‘Virtue’ é de súpeto moito máis críptico, cheo de símbolos… é porque é máis persoal?

Quizais, si. Estaba realmente a pasar por un mal momento, e moitas veces o produtor viña e preguntábame por que me estaba a esconder detrás dun personaxe. E eu dicía: “non estou a facer iso! Que dis?”. Pero creo que era porque todo o que me estaba a pasar era tan doloroso que non podía falar do tema de forma explícita.

- As referencias son tamén moi distintas, pasando da cultura pop de ‘First Love’ á mitoloxía clásica e a relixión. Houbo traballo de documentación?

Si… cando empecei a escribir as cancións, fixen Dinosaur Sex e Paper Forest, que non son moi relixiosas, pero si son sobre unha experiencia universal. Eu estaba vivindo unha experiencia universal, que era estar prometida, e estaba a atopar moitos temas de historias que metía nas cancións directamente desde o meu subconsciente. Tiña sentido, porque sentía que estaba a pasar por algo que case toda muller ao longo da historia ten vivido, polo que estes temas universais chegaban a min igual que chegan a todo o mundo. Metinme moito no mundo da teoría dos contos…

Pero entón pasou esta cousa divina inexplicable, totalmente de súpeto, e sentín que me ía volver tola se non descubría que significaba. Se, por exemplo, o teu mozo déixate por outra muller, pregúntaste como é, por que marchou el, quen é ela. Pero se te deixan por Deus… decidín investigar que era iso que para el era tan importante, era como a miña misión. E a segunda metade no disco, temas coma North e Trellick Tower, é un pouco o resultado de todo ese estudo.

- O disco foi financiado gracias ao crowdfunding a través de Pledge Music, como foi?

Foi incrible! Coñecín a tanta xente guai… aínda son amiga de moitos dos meus “pledgers”, non creo que imaxinaran cando puxeron cartos que eu seguiría a chamalos un ano despois en plan “eh, chicos, vindes ao meu concerto?”.

- Por que decidiches facelo?

Estaba un pouco tola, non quería facer demos, quería facer directamente o disco, non facer unha primeira gravación e darlla á miña discográfica. Así que cando a xente de Pledge Music falou coa miña manager e ela contoumo todo, preguntei: “Coñecerei a xente? Farei cousas interesantes?” Porque a miña vida era moi sombría e deprimente… E dixo que si, que podería facer cousas como tocar nos salóns das casas dos fans, e pensei que iso me faría feliz.

- Repetirás no próximo disco?

Non creo, estou noutro momento da miña vida, xa non necesito facer algo así.

Emmy the Great nas probas de son no auditorio de Vigo

- Despois do disco de Nadal con Tim Wheeler, hai plans para algún outro disco estacional?

El non deixa de falar de Halloween e eu sempre río, pero entón volve a falar do tema… creo que non é broma! Pero eu non quero facer un álbum de Halloween! En todo caso só un EP… pero non quero! Dillo! Chámao e dille que non penso facer un álbum de Halloween!

- Fareino… e sobre o de Sweet Valley…

Vós fixestes a entrevista! Fíxonos moita ilusión! É dicir, a Jessica e a Elizabeth fíxolles moita ilusión…

- Foi moi divertido, non sei se moita xente o entendeu…

Xa, moitas veces facemos cousas que a xente non entende. Fomos a entrevistar a Joe Dunthorne, o escritor, que é un tío súper riquiño, e claro, non entendía que estaba pasando. Eu como ligando con el, e Elizabeth dicindo -moi seria- “cal é o teu escritor preferido?”, facendo preguntas moi rápido. E non lle explicáramos antes que íamos facer, só que queríamos entrevistalo… despois estaba un pouco raro, coma se acabase de ser asaltado ou algo así.

- E ides facer máis cousas co proxecto Sweet Valley?

Pois acabo de escribirlle un mail a Elizabeth [Elizabeth Sankley, de Summer Camp], pero claro, ela vai de xira en febreiro, eu en marzo… Sempre estamos intentando atopar tempo para todos os nosos proxectos paralelos, non só o das Wakefield. Pero sempre xorde algo, ou ela ten que ir a América, ou son eu quen non está… pero estaría guai facer unha obra de teatro ou algo así.

- Estas entrevistas non son os teus únicos pinitos no xornalismo musical…

Si, a música e o xornalismo están moi unidos en Inglaterra, somos todos amigos, xornalistas e músicos. Moitos cruzamos a liña dun lado ao outro, estou segura de que acabarei facendo máis cousas deste tipo no futuro.

* E, por suposto, Emmy The Great tamén cubriu unha disqueficha.

Fotos | Andrés Fraga

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...


Comparte en Chuza Difundir a nova en Cabozo

Sin comentarios

Deixa un comentario

— obrigatorio *

— obrigatorio *