O Cairo 678: unha mirada esperanzadora sobre o acoso sexual

O Cairo 678

Algo estraño acontece cando os títulos de crédito de ‘O Cairo 678’ aparecen na pantalla e as luces volven a acenderse. A pesar do tema cru do filme (o acoso sexual a mulleres en Exipto), a pesar do retrato dunha sociedade ancorada no inmobilismo patriarcal, a sensación final é de esperanza. Porque ao fin e ao cabo a película narra a historia de tres brotes verdes, tres mulleres que loitan contra todo iso, cada unha á súa maneira e cada unha desde unha situación social distinta. E saber que a historia está baseada en feitos reais faino todo un pouco máis esperanzador.

Elas son Fayza, unha muller de clase baixa e espírito conservador, casada e con dous fillos, que todos os días colle o autobús e é sobada por homes que saen impunes; Seba, de clase alta e deseñadora de xoias, casada cun doutor, que sufre un episodio de acoso e agresión sexual a mans dun grupo de aficionados ao fútbol tras unha vitoria de Exipto; e Nelly, a representante da mocidade, á que mete man un home desde un coche mentres ela cruza a rúa.

O filme é a historia das reaccións. As reaccións de cada unha delas, dos seus maridos ou mozo, da súa familia, da xustiza e da sociedade en xeral. Fayza opta pola (efectiva) violencia de cravar unha pequena navalla ao agresor nas súas partes, Seba monta grupos de axuda a mulleres acosadas, e Nelly recorre á xustiza, poñendo a primeira denuncia por acoso sexual en Exipto. Nas súas parellas hai desde rexeitamento (“non podo mirarte sen pensar no que che fixeron, non sabes o mal que o estou a pasar”) ata apoio.

O ritmo da narración é áxil e cargado de pequenos momentos de humor amargo (eses planos dun autobús seguidos dun grito masculino de dor e a imaxe de Fayza saíndo camiñando rápido e sen mirar atrás), aínda que tamén hai espazo para o erro, cun guión que provoca algunhas dúbidas cando ao final todo parece saír ben. Ata que punto é fiel o filme á historia real? Volveuse o policía boa persoa ao ter unha filla? Apoiou o mozo de Nelly a súa denuncia en contra da súa familia? Deixou Fayza a crer que a culpa de todo é das mulleres que non ocultan o seu corpo baixo capas de roupa (ela é a única das tres con velo)? Deixou Seba de crer exactamente o contrario?

As licencias poéticas posiblemente sexan moitas (eu busquei a historia real desas tres mulleres e non atopei nada por ningures), pero unha vez aceptadas e perdoadas a conclusión final é que se trata dun filme necesario. Tan necesario que Mohamed Diab, o director e guionista, recibiu un montón de críticas no seu país por “manchar a imaxe de Exipto”. Igual que esas mulleres que denuncian e aldraxan a súa reputación a través do escándalo. A cultura do silencio segue a ser a maioritaria.

* ‘O Cairo 678’ pode verse nos Multicines Norte de Vigo en V.O.S. ata o vindeiro xoves 17 de xaneiro.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *