Os Descendentes, tremendo drama?

The Descendants (2011) é unha das películas das que máis se fala ultimamente, e non é sen razón. Está nominada a mellor película, Alexander Payne está nominado a mellor director, e George Clooney a mellor actor principal, entre outras nominacións. Alguén pode pensar que o filme “funcionou” na Academia grazas á súa estrea tardía; sempre hai algunha que se cola no derradeiro momento pola súa frescura; pero máis aló dos famosos premios, Os Descendentes é unha boa película.

Alexander Payne xa deu moito que falar hai uns anos con Entre Copas, se cadra o seu filme máis recoñecido; e de feito, Os Descendentes ten algo en común con ela. Payne consegue de novo xerar unha atmosfera moi especial, coma unha especie de comedia chea de nostalxia que camufla un tremendo drama (que é o que en realidade é a película, un tremendo drama familiar). Nesta ocasión substitúe as vides californianas por outro lugar con moita personalidade: o arquipélago hawaiano, que está omnipresente durante toda a narración.

O xeito no que vai crecendo a historia, a forma na que o protagonista se vai enfrontando cos conflitos que van xurdindo, coma se fosen chanzos detrás de esquinas, e a suavidade con que Payne conta unha historia tan crúa sen caer en morbosidades son, se cadra, as razóns da merecida nominación a mellor director.

E George Clooney, coma sempre, impecable. Xa é sabido por todos que “é o novo Cary Grant” (si, isto é unha frase de “todo a cen”), e ás veces pode que esquezamos de onde vén esa cualificación. Pero con papeis coma o de Matt King, Clooney amosa todo o seu potencial. É quen de chegar a matices completamente concretos, a calquera intensidade, a calquera estado de ánimo, e unha vez aí é quen de controlalo sen pasarse. Non sei quen gañará os Oscar este ano, pero eu vou de Clooney.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *