«Lagom»: unha nova felicidade escandinava para 2017

Processed with VSCO with q3 preset

Todo o escandinavo provoca certa fascinación. Esa xente educada, que non sabe que é a corrupción, que nunca fala demasiado alto e que ademais ten un sentido estético que todos envexamos. Queremos deseño escandinavo nas nosas casas, sentimos que Tiger é menos chino porque a idea é danesa e seguimos vestindo de H&M sabendo todo o que sabemos da industria da moda. Desde hai un par de anos, ademais, intentamos ser felices á danesa copiando o concepto do hygge.

Se ben por aquí non se falou tanto do tema (pero hai artigos en Smoda e en Yorokobu, sinal de que a moda intentou chegar ata aquí), no Reino Unido o hygge foi tal febre que a palabra está entre as finalistas de Oxford para palabra do ano (finalmente gañou post-truth, «posverdade»). En poucos meses as librerías británicas enchéronse de libros coa palabra máxica no título (en España hai dous libros, e outro que sairá a venta o 10 de xaneiro) e unha busca en Instagram revela un millón e medio de resultados.

A febre é responsabilidade completa da industria editorial británica, como detallan neste xenial artigo en The Guardian. Artigo no que xa apuntan a cal será a nova cousa escandinava que encherá Internet e as librerías a partir do próximo outono: lagom. Viaxamos ata Suecia e, desta vez, parece que a palabra non é tan intraducible coma a acolledora hygge. Lagom significa «moderado», pero dito así soa moito menos cool.

Os suecos, din todos os artigos que xa se teñen ocupado do tema nos últimos anos, viven arredor desa cultura anti-excesos, do «nin moito, nin pouco», esa moderación que vemos nos mobles de Ikea e nunha xornada laboral de seis horas, ou no silencio que nos deixa case xordos a todos os europeos do sur cando poñemos pé nas terras nórdicas.

Como o hygge, lagom é atractivo xusto agora para os que non vivimos nesa cultura grazas á crise e á reacción contra o consumismo masivo que, polo menos como filosofía para as redes sociais, estamos a ver nos últimos tempos. Agora que xa non temos cartos para excesos —e que vimos que pasa cando os temos— miramos na dirección oposta e buscamos esa felicidade algo máis orgánica. O cheiro dun biscoito no forno, estar quentiños na casa á luz das velas (por elección, non por necesidade), ter á xente á que queremos ao noso redor e os móbiles noutro cuarto e en silencio. Iso é o hygge. O concepto de lagom engade un tranquilizador “así está ben”. Non tes que facer máis comida, que mercar máis roupa, que traballar máis horas, que unirte a máis redes sociais. Todo na súa xusta medida. A virtude está no termo medio, dicía Aristóteles. Llaneza, Sancho, que toda afectación es mala, en versión castiza.

Tanto o hygge como o lagom teñen o seu lado escuro (son un pouco tamén unha forma pouco sa de evitar o conflito) e todos sabemos que cando chegan como moda a través da industria editorial, o obxectivo buscado non é lograr a felicidade global, senón a das contas bancarias dos editores; pero na súa xusta medida (ha!) todos necesitamos un pouco de espírito nórdico na nosa estrondosa existencia. E queda tan ben en Instagram!

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *