A (esquecida) historia das mulleres que escribían

maquina escribirEn 1876, a literatura galega viviu o primeiro episodio do que posiblemente é o seu primeiro escándalo digno do Sálvame Deluxe. O xornal El Heraldo Gallego lanzou un concurso literario. Os participantes terían que escribir sobre o amor maternal e recibirían como premio unha puma de ouro, un luxoso regalo que pagaría o mecenas do xornal, un funcionario poderoso e rico asentado en Madrid. O xurado decretou, tras unha reunión a finais de setembro, que o texto gañador do certame fora un poema, titulado Amor de Nay e presentado pola señora Arminda Flora Serrano.

O ditame foi  publicado no xornal  e catro días máis tarde saíu o poema completo, sen que ninguén soubera moi ben que era esa Arminda Flora Serrano (pero, en fin, podería ser calquera desas señoritas que escriben…, pensarían os lectores) e sen que dende o xornal non se explicase nada sobre o que sabían sobre dona Arminda Flora. O poema, por certo, fíxose rapidamente viral e foi republicado en medios de Madrid e de alén mar (o de republicar contidos doutros medios era do máis habitual no século XIX). O segundo episodio deste culebrón literario non chegou ata moito tempo despois, algo máis de 20 anos, cando se cadra o responsable real deste poema (que non era dona Arminda Flora…) pensou que o de que levara unha pluma de ouro gracias ao poema quedara un tanto esquecido. O poema apareceu publicado na Revista Gallega e fíxoo co nome verdadeiro do escritor que o escribira. Era Valentín Lamas Carvajal… que tamén era o director de El Heraldo Gallego no momento do concurso.

O certo é que esta historia demostra que Lamas Carvajal era un pouco trapelleiro (e que non tiña moita moral no que a ética xornalística se refire…) pero tamén mostra unha tendencia non moi estraña no mundo decimonónico. Na época non era raro que os homes usaran identidades femininas para firmar certos textos e escribir así sobre temas que se consideraban ‘de mulleres’, como poderían ser as crónicas de moda e sociedade ou os poemas sobre a maternidade como o que produciu Lamas Carvajal para facerse coa pluma que daba o seu propio xornal. Os pseudónimos masculinos son, de feito, uns dos que aparecen no recente Escritoras na Galicia do século XIX, o volume que o CSIC e o Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento acaban de dedicar á presencia da muller na palabra escrita na Galicia do XIX.

O XIX é o momento no que se produce a explosión da presencia das mulleres na palabra escrita na cultura occidental. Todos podemos poñer os exemplos dos grandes nomes das autoras da literatura en inglés, como son Jane Austen ou as irmás Brontë, que se converteron en certo modo en paradigmas da muller-autora. O certo é que non son as únicas que entraron no mundo das letras entón. No mesmo mundo das letras en inglés, por exemplo, moitas foron as mulleres que empregaron as letras como modo de supervivencia económica ao longo do século, desde as autoras de comezos do século e de finais do anterior que publicaron obras sentimentais e populares na editorial Minerva Press ata as pioneiras do xornalismo de décadas posteriores.

Como apunta Maya Rodale en Dangerous books for girls, estas primeiras novelas tiñan, por unha parte, edicións de baixa calidade, xa que o primordial é que foran baratas e chegasen masivamente ao público, e, por outra parte, eran vistas dun xeito diferente porque eran asinadas por mulleres. Esta é, en parte, a razón pola que a novela romántica hoxe (herdeira destes tomos) non é moi ben vista, xa que arrastra eses prexuízos do pasado. Por outra banda, e como se apunta en Mujeres y libros, de Stefan Bollmann, as mulleres convertéronse en autoras porque tamén xurdiron como lectoras. No XVIII comezou o boom da lectura e quen lían moito (moito máis do que puideran ler no pasado) eran as mulleres.

Así chegamos ao XIX, onde as autoras empezan a ser máis habituais, no son nas letras en inglés senón nas letras en xeral en Europa. Na segunda metade do XIX, explican en Escritoras na Galicia do século XIX, o número de mulleres autoras e o volume da súa presencia como autoras editadas mostra un sobresaliente aumento. Os cambios políticos e sociais (que fan a que a sociedade sexa máis liberal), o maior acceso das mulleres á instrución e a maior presencia feminina como consumidoras e produtoras na cultura escrita son as razóns que explican, segundo comentan no libro, a presencia máis elevada das mulleres como escritoras. O clima xeral non fixo sen embargo que as mulleres escritoras o tiveran tan fácil como coser e cantar: se as mulleres debían ou non escribir (ou se as mulleres debían ou non acceder á cultura) era un tema de debate moi poderoso e moi recorrente. A idea de que as novelas eran nocivas para a mente feminina era, por exemplo, un tópico moi habitual e aquí están todos estes casos reais que demostraban nos medios da época que ler novelas era moi perigoso.

Que escribían as mulleres nos medios galegos da época? O libro permite facer un seguimento sobre quen eran e que facían as autoras galegas do XIX (o volume céntrase en mulleres que publicaban en Galicia, sen que importe a súa orixe xeográfica ou a lingua na que publican). Había por suposto moitas poetisas, porque os poemas (especialmente os que eran sobre cuestións ‘femininas’ como flores, sentimentos e ñoñerías, eran algo que se consideraba moi “accesible ás “inteligencias femeniles” e “facultades intelectuales de la mujer”), pero tamén unhas cantas novelistas e unhas cantas mulleres que ían máis alá do que a sociedade do momento esperaba delas. Todo o mundo coñece o caso de Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán ou a sempre ubicua Rosalía de Castro, pero o certo é que hai moitas máis mulleres que fixeron cousas na Galicia do XIX. Aí está Felicia, novelista que vivía en Cuba e que escribía novelas sobre temas como a escravitude; ou Fanny Garrido, que era considerada a muller máis fermosa do seu tempo, o que fai que se esqueza que era tamén unha moi formada e cunha grande capacidade intelectual nos recontos sobre o XIX (foi autora, tradutora ou ensaísta); ou Marcelina Soto Freire, libreira e editora no Lugo do XIX (e por certo, segundo un anuncio que apareceu no Blanco y Negro da época, tamén vendía chocolates).

As escritoras eran moitas veces simplemente autoras, aínda que non por iso vivían das letras (que era algo que entón e hoxe poucos podían facer), pero ás veces tamén tiñan outra profesión, que nos permite ademais descubrir como evolucionou a vida profesional das mulleres na época. Entre as escritoras galegas do XIX hai unha cantas relixiosas e unhas cantas xornalistas, pero sobre todo hau mestras e pedagogas.

Foto Unsplash

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *