A historia esquecida dos inventos da vida cotiá

Sempre que se fala dos grandes inventos, acaban por citarse todas esas cousas que cambiaron – dun xeito incrible e determinante – o curso da historia da Humanidade. Todos eses grandes descubrimentos que marcaron un antes e un despois, acabando con enfermidades, permitíndonos acceder dun xeito completamente novo e veloz á información ou que acurtaron as distancias xeográficas entre dous puntos son claros exemplos do que a xente imaxina cando falamos de inventores. Pero a invención son tamén outras pequenas cousas que semella que estiveron aí sempre, todo o tempo, porque as súas características fan que a nosa vida cotiá sexa moito máis sinxela. Son cousas tan pequenas e tan de todos os días que case ninguén pensa que un día non existiron e, sobre todo, que son o froito da inspiración duns inventores.

Para recuperar e reivindicar a eses descoñecidos inventores, heroes ocultos, unha didáctica exposición lembra en Santiago os seus nomes e os seus produtos. Heroes ocultos. Inventos xeniais. Obxectos cotiás ocupa as salas de exposición do Colexio de Fonseca dende o pasado mes de xullo e ata o próximo 29 de agosto, polo que a oportunidade de visitala ten xa tempo limitado. A exposición ten detrás ao Vitra Design Museum en cooperación con Hi-Cone, coa Obra Social la Caixa”, coa Universidade de Santiago de Compostela e co Departamento de Educación do Concello de Santiago

A exposición é sinxela pero iso non a fai menos interesante. Os obxectos reciben ao visitante en caixas que fan de compartimentos – escaparate. Cada produto, todos moi coñecidos por cada un de nós, conta cunha explicación que pon en situación sobre cando foron inventados. Así, aprendemos que o plástico de burbullas, esa barreira protectora que impide que as cousas se rompan e que dá tanto pracer  facer estoupar burbulla a burbulla, apareceu a finais dos anos 50, cando un dos seus inventores (Ao Fielding e Marc Chavannes) se puxo a observar as nubes nunha viaxe en avión. Ou por exemplo quedamos abraiados ao descubrir que a cremalleira é o froito de sete anos de traballo de Gideon Sundbäck… a principios do século XX! Ou que o primeiro paraugas de peto non chegou ata 1928, cando Hans Haupt o deseñou en Berlín. Ata o século XIX, por certo, o paraugas non era visto como tal: era só un parasol que empregaban as damas. A pinza para tender (a moderna é do 1853!), o bolígrafo Bic (do 1950) ou os post-it (que naceron dun erro e empezaron a ser comercializados no 1980) son outros dos exemplos deses descubrimentos que, dun xeito discreto, nos cambiaron a vida. 27 obxectos moi populares con 27 historias non moi coñecidas.

Foto | © Vitra Design Museum; Foto: Bettina Matthiessen

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *