JT Photo Gallery: fotografía de autor a prezos populares

Cheguei á JT Photo Gallery enviada por unha amiga que me asegurou que alí ía atopar postais das que me gustan, bonitas. Non entendín nese momento moi ben o concepto ¿tenda de fotos? nin a ubicación (na Herrería), pero por suposto fun buscar as postais.

O que me atopei foi unha galería de fotografía nun espazo máis que agradable. Fantásticas fotos de diversos tamaños polas paredes de pedra e madeira, a luz entrando pola fiestra, e unha terraza (de 170 metros cadrados) que se adiviña tras a porta de cristal. Vaia remanso de paz, pensei mentres miraba fotos de paisaxes  e retratos que se ambientan en lugares tan dispares coma Madagascar, a India ou Haití.

O certo é que estraña atopar unha galería de fotografía de autor en Vigo. Abriuse hai un par de semanas e o autor en cuestión é Javier Teniente, quen pensou en pór unha galería de fotos para ter o seu propio espazo, facilitando a venda e dando a coñecer o seu traballo, nun formato que é típico en América e Europa, pero que non se ve moito por España: “a min sempre me gustou esa idea, e agora levaba xa un tempo dándolle voltas”, explica Javier, “sobre todo porque levo xa 18 anos de traballo e había parte da miña obra que nunca saía, porque eu traballaba en prensa, desastres naturais, conflitos… pero cando viaxaba non só facía fotografías informativas, senón tamén fotografías boas, pero cunha cara máis amable e esas fotos nunca saían do baúl”.

A filosofía da tenda-galería, é, ao mesmo tempo, facer a adquisición de fotografía máis alcanzable: “Eu antes pensaba, por exemplo, de esta foto vou facer 50 exemplares, edición limitada, e as vou vender, a 3000 euros cada unha. Agora o que fago é, 500 exemplares, e as vendo a 600 ou 700 euros. Así podo chegar a máis xente, algo importante nos tempos que corren”.

A fotogalería sitúase na rúa Menéndez Abeleira, en plena porta da Herrería (antes zona de putas por excelencia en Vigo), área que se está a rehabilitar. Javier Teniente colleu un dos primeiros locais comerciais que saíron, e, a pesares de que a zona podería producir certa reticencia, el está seguro de que nun par de anos (ou incluso menos) será a nova zona de moda de Vigo: “agora están abrindo novos comercios, en breve abrirá o rexistro civil aquí enfronte, isto se está enchendo de xente nova que vén a vivir nos edificios rehabilitados“. O que si bota en falta son turistas: “Cando chegan os transatlánticos explícanlles aos turistas que non pasen por aquí, que é unha zona moi perigosa, pero supoño que iso cambiará en breve”.

Hai público para a venta de fotografía? Pois quizais máis do que cremos. A galería abriu hai tan só Javier Tenientedúas semanas, e Javier móstrase bastante sorprendido da cantidade da xente que xa pasou por alí: “e xa non é que pasen, é que tamén compran. A fotografía está de moda, á xente gústalle ter no seu salón unha fotografía de edición limitada. E pensa que ti entras na galería e podes gastar desde un euro (postais, marcalibros) ata 1000. E por 50 euros atopas fotografías enmarcadas e firmadas“. Por iso afirma que non se trata dunha galería ao uso “eu non quero que a xente teña medo de entrar, e tampouco fai falla que entren a comprar, poden tomar un café, ler un libro, ver o que hai…”.

Na galería atopamos unha pequena mostra da obra de Javier Teniente, pero na tenda online hai unha colección moito máis ampla dispoñible, onde podemos elixir entre máis de 300 imaxes. A idea, ademais, é que a obra de Javier, mentres tanto, siga crecendo. “A min o que me gustaría é que a galería puidese darme a independencia suficiente para poder financiar os meus proxectos, e ao mesmo tempo, eses proxectos poderían nutrir de novas fotos á galería”. De cara ao futuro tamén pensa crear unha zona de exposición doutras disciplinas artísticas e  outras actividades culturais.

Polo momento podemos gozar dun espazo adicado á novena arte con produtos de calidade aptos para todos os petos. Unha boa razón para ser os primeiros en frecuentar a próxima zona cool de Vigo.

Fotos | JTPhotogallery, Disquecool

 

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *