Probablemente a estas alturas xa estaremos un pouco fartos das mensaxes de optimismo que nos veñen a dicir que toda crise é unha oportunidade. Pero o que o que non podemos negar é que, nestes momentos tan complicados, aínda queda xente que se arrisca e que saca a relucir a súa creatividade máis ca nunca, atrevéndose con proxectos diferentes, que supoñen un verdadeiro sopro de aire fresco. Ese é o caso de Aire centro de Arte, cuxo nome lle vén que nin pintado. Este pequeno local situado na Rúa Cardeal Payá, no casco histórico de Santiago, non é (só) unha galería de arte, senón unha especie de laboratorio no que cabe todo: deseño, música, pintura, coaching, fotografía, autocoñecemento…
A responsable da súa creación é a artista compostelá Neves Seara, quen, aos seus 29 anos, ten un currículo de impresión: licenciada en Belas Artes, ten exposto en lugares tan dispares coma La Habana, Lisboa, Madrid, Londres, Atenas, Helsinqui, A Coruña, Pontevedra ou o seu Santiago natal. Sen embargo, tamén traballou “do outro lado”, como comisaria de exposicións ou asesora cultural, ademais de publicar artigos en publicacións especializadas. Pero un día, nesa cabeza “que non para de darlle voltas”, como ela mesma di, xurdiulle a idea de montar este proxecto decididamente pioneiro en Galicia. A iniciativa bebe das fontes do Creative Growth Art Center, un centro radicado en California no que diferentes artistas plásticos imparten talleres a xente con discapacidades. “Non son as típicas clases nas que ensinan a facer un bodegón, senón que poñen ao servizo dos usuarios distintos materiais e técnicas, realizan exercicios de comunicación sensorial e a partir de aí vai xurdindo a obra persoal dos alumnos”, indica Seara. “O caso máis famoso é o Judith Scott, unha muller xordomuda e con síndrome de Down, xa finada, que tiña moitísimos problemas de comunicación e que grazas á arte foi adquirindo unha personalidade moi forte, expresándose a través dunhas obras espectaculares: esculturas formadas con obxectos que cubría con lá e cordóns, coma se fosen unha crisálida”, explica.
Neves Seara di sempre que a arte no é só un cadro que está colgado nunha exposición. “Na escola na que estudiei os profesores insistíannos moito niso, en que todo é importante: como está colgado ese cadro, con que luz, que hai ao seu redor… Do mesmo xeito, unha obra non está completa sen aquel que a contempla”. Ela mesma dábase conta, cando expoñía, de que lle faltaba ese proceso de comunicación co espectador. “Era como unha especie de coitus interruptus, por iso empecei a utilizar outro tipo de técnicas. Por exemplo, organizaba recitais de poesía ou concertos nas inauguracións, intentando poñer en común o meu traballo co doutros artistas”. Seara está convencida de que a arte é un vehículo de expresión moito máis amplo que a linguaxe. “O que máis me interesa non é a opinión que o espectador ten sobre a miña obra, senón o que lle transmite. É incrible atopar a alguén que sinte exactamente o que ti sentiches no momento en que a creaches”, se ben recoñece que algunha vez lle pasou todo o contrario. “Iso é a arte. Pasa con todo: cando contas un conto, o que sente o outro non es quen de dominalo, porque inflúen moitas cousas: os seus sentimentos, a súa bagaxe emocional, cultural e social…”, afirma.
Aire centro de Arte pretende, pois, facilitar ese proceso de comunicación, achegar a arte á xente. No seu programa cabe de todo: desde talleres máis técnicos, como o de retoque fotográfico de retratos, ata os máis alternativos, como o de autocoñecemento a través da sexualidade ou o de pintura de mandalas (o mandala é unha forma xeométrica circular que representa as forzas que regulan o universo e que serve como apoio á meditación). O pasado mes de xullo organizaron, entre outros, un taller de coaching para nenos, impartido conxuntamente por unha rapaza que con máis de 15 anos de experiencia nesa disciplina e por ela mesma. “Organizamos xogos artísticos, nos que os nenos coñecían as técnicas, as cores… Dese xeito víveno todo de forma moi aberta, divertida, sen presións. Pásano pipa, e os adultos tamén. Moitos pensan que lles vai saír mal porque non coñecen a técnica. Nós pretendemos ensinarlles que non pasa nada e animámoslles a investigala. Eu sempre digo que artistas somos todos”.
O feito de ser un centro pioneiro en Galicia ten as súas vantaxes, xa que moitos dos profesores achéganse para ofrecer os seus servizos. De momento, non se queixa pola acollida, aínda que recoñece que o alumnado está sendo bastante escaso no verán. Para evitar que esta tendencia se reflicta o resto do ano, fixo o esforzo de organizar moitos talleres, que compaxina con outros proxectos. Recentemente, celebrouse a presentación do libro de poemas “El dolor del compromiso”, de Toni Martínez, e nos meses de setembro e outubro o centro acollerá exposicións do artista Santi Jiménez, que é tamén un dos profesores da escola, e de Martin Mills, entre outas actividades. Pero ter ao mellor do mellor non significa que Aire centro de Arte sexa elitista. Tamén hai espazo para os novos creadores e para aqueles que non expuxeran con anterioridade. “Estamos abertos a todo tipo de propostas: performances, ciclos de lectura de poesía… O que sexa”, indica a súa impulsora.
Unha artista precoz
Neves é consciente de que todo o que é novidoso e rompedor sempre suscita dúbidas, mesmo no propio mundo da arte contemporánea, que debería selo per se. “Iso atácase defendendo a túa idea de forma firme e constante. Non se trata tanto de renovarse: hai xente que se pasa a vida facendo o mesmo, pero cre tanto no que quere transmitir que é suficiente”.
Na súa traxectoria artística, ten experimentado con practicamente todas as técnicas. Ao principio sentíase máis cómoda coas instalacións, por aquilo de albergar ao espectador, de introducilo na obra, pero agora está “máis bidimensional”. “Recoñezo que a fotografía ou o vídeo non me tiran, non me acabo de sentir cómoda interpoñendo algo entre a obra e eu. Gústanme a pintura e a escultura porque son máis directas”, asegura. A inspiración xúrdelle de calquera cousa. Para ela, o proceso artístico ten tres fases: problema, obxectivo e solución. “O problema vén sendo o como transmitir un concepto, unha idea, unha sensación; despois está o proceso, o camiño, no que vas probando, ata chegar á solución do problema, que é a obra. E ese problema xurde un pouco de todo, ás veces de algo cotiá, do máis parvo, pero case sempre de lecturas”.
Se a alguén lle gustaría parecerse é a Frida Kahlo, cuxa iconografía quedoulle gravada desde moi nova. Tamén menciona á xaponesa Chiaru Shiota, á sevillana Ana Soler ou a galega Pamen Pereira. “Case sempre mulleres. Non sei se temos unha sensibilidade distinta, pero estamos influenciadas por unha sociedade moi marcada, que nos ensina unhas linguaxes concretas, nas que te acabas sentindo máis cómoda porque é o que coñeces”.
Pero, ¿é Galicia un bo sitio para ser artista? “Non, e si”, responde, criticando que, tanto aquí coma en Madrid, onde viviu varios anos, tómase coma referencia unha moda concreta de estética e explótase ata desgastala, deixando fóra a todo aquel que non estea dentro desa corrente. Pero tamén subliña a aparición de espazos que están axudando moito aos artistas, como o Furancho de Arte Contemporánea (FAC).
“Hai unha cousa que non hai que esquecer, e é que quen é artista, éo sobre todo por necesidade. Cada día, cando te levantas, necesitas expresarte, é algo que che sae de xeito natural”. Sen embargo, parece que a sociedade aínda non está preparada para concibir que a arte sexa un traballo. “Eu xa tiña interiorizado iso de “¿Pero ti que vas traballar, non eras artista? Cando fun a Bruxelas, dinme conta da diferencia: alí, as galerías teñen aos artistas asalariados ou con gastos pagados de estudio e material, rehabilitan edificios abandonados para crear talleres para artistas noveis, os rapaces teñen cinco anos de gastos cubertos e taller gratuíto nada máis rematar os estudos… Un artista está tan ou máis valorado que un médico. Eu tampouco pido iso, pero aínda nos queda moito camiño por percorrer”, sentencia.
Aire centro de Arte está na rúa Cardeal Payá, 14.
Fotos | Lucía Turnes