Batiskafo: navigando polas profundidades da artesanía

Batiskafo

Un batiscafo é unha especie de vehículo de inmersión que permite explorar o fondo mariño. En Santiago somos de interior, pero como non nos gusta iso de ser menos que ninguén, tamén temos un. Concretamente na Rúa Nova, unha das vías con máis “solera” da zona vella. Iso si, escríbese con k e non ten nada que ver co mar: trátase dunha pequena tenda-taller de artesanía que convida a deixar voar a imaxinación a través de obxectos tan variados coma cadernos, postais, broches, colares, esculturas ou peluches convertidos en verdadeiras obras de arte.

Pero este Batiskafo, que comezou o seu percorrido hai escasas semanas, non é autopropulsado: Alicia e Marta son as responsables de dirixilo. Coñecéronse hai cousa de dez anos, cando estudaban Artes e Oficios, e de aí xurdiu unha gran amizade. A idea de montar o seu propio negocio comercializando as súas creacións saía moi a miúdo nas típicas conversacións informais que comezan cun “¿Imaxinas se…?”. Puido quedar nunha simple anécdota se non fose porque o ano pasado ambas atravesaron un período de stand by a nivel laboral por diversos motivos. Foi aí cando se decidiron a dar o paso, ben asesoradas por Cogami e pola Fundación Mujeres, aínda que é certo que ningunha das dúas é novata nisto do comercio. De feito, xa puxeran á venda algunhas das súas pezas na páxina web Etsy.

Ese foi o xermolo do que hoxe é Batiskafo. ¿E por que decidiron chamarlle así? “É unha palabra que sempre nos gustou moito, que nos remite a tempos antigos, cando todo se facía a man, con máis mimo”, sinala unha delas. Algo co que se senten plenamente identificadas. Sen embargo, ter como nome un termo algo en desuso ten as súas desvantaxes. “Téñennos chamado de todo: batiscafu, batiscazo, barraca…” explica rindo Marta.

Batiskafo

O que está claro é que este establecemento non deixa indiferente a ninguén, pero non polo seu nome, senón polo seu espectacular escaparate. Comprobámolo in situ: persoas de todas as idades, estilos e procedencias páranse un anaco para admirar as creacións que nel expoñen. As orixinais pezas que se exhiben nas súas estanterías teñen ademais o valor engadido de estaren feitas por elas mesmas e alí mesmo, de xeito totalmente artesanal, agás as postais e algunha xoia da autoría dunha compañeira da Escola de Artes e Superior de Deseño Mestre Mateo. Todo queda en familia.

Detrás das creacións en papel e tea está Marta. Os broches, bolsos, cadernos, láminas, bonecos ou marionetas son obra súa, mentres que Alicia é a encargada da artesanía en barro e vidro. Precisamente esta última é a autora da peza máis cara da que dispoñen nestes momentos, unha escultura que alcanza os 360 euros, aínda que na tenda podemos atopar tamén obxectos a 1 euro, como as postais. “De momento estamos tendo moita sorte, xa que todo se vende máis ou menos ben; aínda non temos un obxecto estrela que triunfe sobre o resto”, indica Alicia. A xente leva “montóns de colares con xemas, peluches en forma de osiños, broches…. Tamén tivemos unha colección de catro fadas, unha por cada estación do ano, que mercaron varias persoas da mesma familia. Nós bromeamos con que foi a sorte das fadas, a ver o resto como vai”, bromea Marta. Aseguran que de momento non se poden queixar. “A xente párase continuamente, e moitos, a maioría deles mulleres, entran para felicitarnos pola tenda”. Pero a palabra tenda quédaselle curta: Batiskafo é moito máis que iso. De feito, a intención das súas impulsoras é organizar unha serie de cursos de artesanía para ensinarlle á xente a elaborar as súas propias pezas. Seguirémoslles a pista para saber cando e sobre que técnicas serán.

Esta iniciativa supón un sopro de aire fresco entre os típicos establecementos de venda de souvenirs que ateigan o casco histórico. Quen merque neste local levará algo especial e diferente, pero moi de aquí. Xa o di Marta: “a Santiago facíalle falta unha tenda de artesanía coma esta”, porque é certo que escasean, aínda que habelas hailas. A Santiago facíalle falta un Batiskafo.

* Batiskafo está na Rúa Nova, 48, baixo.

Fotos | Lucía Turnes

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *