Debería ir este artigo en arte, en street art ou en tecnoloxía? A verdade é que moi complicado de determinar, porque o que fai Jon Rafman, un fotógrafo de Montreal, mestura todos eses campos e tira as fronteiras do que agardas cando vas visitar unha exposición. Rafman non fai el a arte, senón que confía en Google para conseguir as diferentes obras – sorprendentemente inquietantes e cativadoras – que compoñen a súa colección The nine eyes of Google Street View.
Google comezou a capturar o mundo no 2005, cando os seus vehículos se lanzaron a fotografar as rúas e estradas de medio mundo. Cada coche leva un pack con nove cámaras (os nove ollos que dan nome á idea de Rafman), que van capturando ao seu paso o que se atopan. Google, ademais, está a mellorar o servizo, engadindo novas frikadas que fan máis realista e completa a toma de imaxes. Cando a compañía empezou a fotografar o mundo, case ninguén sabía ou podía recoñecer os seus vehículos, o que deu lugar a unha especie de visión conxelada do mundo contemporáneo, moi espontánea e realista (moitas veces dun xeito bastante irónico). Hoxe, a esas imaxes realistas e non preparadas, hai que sumarlles a cultura urbana que xa creou ao seu redor o servizo e que levou a un número considerable de persoas a facer unha posta en escena para recibir ao coche de Google Street View.
Rafman colecciona esas imaxes. No 2008, xusto un ano despois de que a firma lanzase o servizo ao mundo, o artista comezou coa procura e colección desas imaxes sorprendentes e estrañas que se poden atopar no servizo de mapas. A colección ten dende imaxes francamente bonitas e suxerintes, dignas da captura máis estudada, ata esas máis raras e sorprendentes que semellan carecer de sentido lóxico. A elas súmanse todas esas instantáneas da vida cotiá, que Google descontextualiza (hai dende prostitutas, ata redadas e capos arma en man nas rúas) o que lle dá certo aire de irrealidade.
As fotos poden verse dende finais mes e ata mediados de agosto na Saatchi Gallery de Londres e sempre e permanentemente no Tumblr do fotógrafo. “A fotografía de Street View ten unha calidade espontánea allea ás sensibilidades e axendas do fotógrafo humano, capturando fragmentos da realidade despoxados de calquera intención cultural”, sinala Rafman na presentación da súa exposición para explicar a súa fascinación con estas imaxes.
Fotos | Google Street View vía 9eyes.com
1 comentario