Hai algo máxico en ver pintar a alguén. O lenzo, antes baleiro, énchese de vida e nós somos testemuña dese pequeno milagre. Por iso toda cidade que se prece pon de atrezzo turístico uns cantos pintores na rúa. Vigo, por desgracia, pouco sabe de sacarse partido, así que non é habitual ver unha chea de pintores tratando de recrear, por dicir, o impoñente perfil da Panificadora.
Este sábado, sen embargo, poderemos ver a catro artistas creando unha obra de arte en vivo e en directo. Trátase do Día pintureiro, unha bonita iniciativa de catro artistas e amigos, que naceu o pasado ano e que consiste, simplemente, en pintar catro cadros e en común, e en medio da rúa: “A idea é sinxela, catro lenzos, e catro pintores, e ningún é dono do seu cadro, todos participan en todos os lenzos . Pero o mellor do evento é poder pintar na rúa, e que dalgunha maneira todo o mundo poida participar, porque a xente se para, comenta, fanse grupiños, e a praza énchese de vida”.
A praza en cuestión é a da fonte de Alfonso XII e os artistas Álex Fernández, Gonzalo Alonso (cantante de Alféizar), Jorge Martín e Inés Errioleta (á que coñecemos do Salonciño, sito nesa mesma praza).
Os catro cadros sortearánse posteriormente. Podes participar no sorteo a través de rifas de dous euros (“é un prezo alcanzable para todo o mundo e unha maneira xenial de que calquera poida levarse un cadro para casa”, explican). Os cadros estarán expostos no Bar A Póla ata o 5 de outubro, cando se celebrará o sorteo.
Para ir abrindo boca, déixovos un vídeo do Día Pintureiro do ano pasado.