‘Glee’ abriu a veda dos musicais na televisión. Eses adolescentes que tentaban demostrar aos seus compañeiros de instituto – sen moito éxito – que non eran unha panda de frikis fracasados, que por cantar non estaban completamente out e que se podía ser sumamente guay dicindo o que se sente cunha orquestra detrás foron un dos grandes booms coa súa primeira tempada. Ao principio, as tramas eran malvadas e o mundo rosa chicle de animadoras e patiños feos permitía facer críticas e guiños que o público máis adulto aceptaba, agradecía e empregaba para xustificar semellante guilty pleasure. Logo, ‘Glee’ lavou o seu lado máis ácido e fíxose máis branca (ao fin e ao cabo é unha serie para adolescentes que verán preadolescentes) e para o nicho máis adulto que a vía perdeu parte do seu encanto.
Para eles chega ‘Smash’, a aposta musical da NBC. Estrearase o 6 de febreiro en Estados Unidos, aínda que a cadea fixo unha xogada bastante interesante e prelanzou o produto en plataformas online como iTunes ou o vídeo baixo demanda de Amazon (claro está que só nos EUA) e nalgúns vós de American Airlines. A serie xa ten máis de 200.000 fans en Facebook e está a recibir boas críticas.
A historia é bastante clásica. Unha rapaciña (unha pueblerina…) está loitando sen éxito para conseguir ser unha estrela de Broadway. Pasa probas e máis probas pero non se fai con ningunha ata que chega a unha delas. É un musical sobre Marilyn Monroe e ela é a única que non se presenta vestida da popular actriz á proba. Seduce pola súa frescura, a súa voz e pasa á seguinte fase. Alí terá que loitar coa favorita dos produtores, unha rubia moi Marilyn que non lle gusta ao director. Cincenta pero no music hall. En paralelo, temos a unha produtora workaholic, unha rica empresaria do showbiz que está a piques de perdelo todo nun divorcio e que ve no éxito (en ter un smash, un rompetaquillas) unha maneira de reafirmarse fronte ao seu futuro ex marido e un director e un produtor que se odian.
A serie é un dos grandes lanzamentos de 2012 (e pode que sexa unha das grandes aventuras de Divinity, que podería sacala practicamente ao mesmo tempo que nos Estados Unidos!) e a crítica está bastante emocionada con ela. Ten ademais bastantes caras moi coñecidas (como Anjelica Huston) para tirar do casting, aínda que as súas dúas protagonistas son unhas descoñecidas.
Foto | Will Hart/NBC ©NBCUniversal, Inc vía Facebook
Esta é Glee para adultos: http://www.imdb.com/title/tt1686108/ Con cancións: http://www.youtube.com/watch?v=w8cYfAa_-O4 E aquí o casting: http://www.youtube.com/watch?v=Jh5amqE49Ck
A min gustoume o piloto e ainda que concordo coa análise de glee (eu tamén desfrutei da primeira tempada e tiven que deixala despois da segunda) non penso que smash sexa comparable. En glee as tramas eran moi febles e aquí polo visto no piloto semella que vai a haber moita chicha. Case diría que vai ser un culebrón dos bos.
A min é que creo que me cae mal a protagonista. Non podo evitalo. É tan miñaxoia e tan típica (a miña bola de cristal ve algún affaire con quen non debe) que ou o fan moi ben ou vai ser demasiado repelente.
Pero os secundarios prometen!!