Smash (ou Glee para adultos)

‘Glee’ abriu a veda dos musicais na televisión. Eses adolescentes que tentaban demostrar aos seus compañeiros de instituto – sen moito éxito – que non eran unha panda de frikis fracasados, que por cantar non estaban completamente out e que se podía ser sumamente guay dicindo o que se sente cunha orquestra detrás foron un dos grandes booms coa súa primeira tempada. Ao principio, as tramas eran malvadas e o mundo rosa chicle de animadoras e patiños feos permitía facer críticas e guiños que o público máis adulto aceptaba, agradecía e empregaba para xustificar semellante guilty pleasure. Logo, ‘Glee’ lavou o seu lado máis ácido e fíxose máis branca (ao fin e ao cabo é unha serie para adolescentes que verán preadolescentes) e para o nicho máis adulto que a vía perdeu parte do seu encanto.

Para eles chega ‘Smash’, a aposta musical da NBC. Estrearase o 6 de febreiro en Estados Unidos, aínda que a cadea fixo unha xogada bastante interesante e prelanzou o produto en plataformas online como iTunes ou o vídeo baixo demanda de Amazon (claro está que só nos EUA) e nalgúns vós de American Airlines. A serie xa ten máis de 200.000 fans en Facebook e está a recibir boas críticas.

A historia é bastante clásica. Unha rapaciña (unha pueblerina…) está loitando sen éxito para conseguir ser unha estrela de Broadway. Pasa probas e máis probas pero non se fai con ningunha ata que chega a unha delas. É un musical sobre Marilyn Monroe e ela é a única que non se presenta vestida da popular actriz á proba. Seduce pola súa frescura, a súa voz e pasa á seguinte fase. Alí terá que loitar coa favorita dos produtores, unha rubia moi Marilyn que non lle gusta ao director. Cincenta pero no music hall. En paralelo, temos a unha produtora workaholic, unha rica empresaria do showbiz que está a piques de perdelo todo nun divorcio e que ve no éxito (en ter un smash, un rompetaquillas) unha maneira de reafirmarse fronte ao seu futuro ex marido e un director e un produtor que se odian.

A serie é un dos grandes lanzamentos de 2012 (e pode que sexa unha das grandes aventuras de Divinity, que podería sacala practicamente ao mesmo tempo que nos Estados Unidos!) e a crítica está bastante emocionada con ela. Ten ademais bastantes caras moi coñecidas (como Anjelica Huston) para tirar do casting, aínda que as súas dúas protagonistas son unhas descoñecidas.

Foto | Will Hart/NBC ©NBCUniversal, Inc vía Facebook 

 

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *