Black Mirror: dentro de dez minutos

Cal é a túa rutina matinal? Hai poucos anos todos contestaríamos algo similar: erguerse, darse unha ducha, almorzar quizais coa radio ou a tele de fondo, e comenzar a xornada. Agora hai un elemento novo que está a colarse en moitas rutinas. O despertador soa no móbil, apagámolo e vemos que temos emails sen ler, novidades en Twitter e Facebook. A actualidade, o instantáneo. A tecnoloxía é a droga do século XXI, unha droga ben vista. Cales son os seus efectos secundarios?

Esa é a premisa da que parte ‘Black Mirror’, unha miniserie británica (de Channel 4) con tan só tres episodios. Pero tres episodios que deixan unha sensación de inquietude incómda, de desacougo nervioso que fai que por un intre retiremos os dedos do teclado e nos afastemos un pouco da pantalla. Os nosos adorados gadgets empezan a inspirar desconfianza.

De que vai? Cal é o argumento? Non penso dar máis pistas e recomendo que non as busques: ver ‘Black Mirror’ así, inocente, sen saber nada máis, fai que a experiencia sexa aínda mellor. O único que necesitas saber é que son tres episodios totalmente independentes: cambian os escenarios, os personaxes, as realidades. Pero o espello negro está sempre á espreita.

Podo desvelar iso? A razón do título non é evidente, a min chivouno a Wikipedia. ‘Black Mirror’ é o espello no que nos miramos agora todos. Mira o teu redor. Cantos espellos negros ves? A pantalla do móbil, a do ordenador, a da tele, a do tablet… Fala a serie do presente ou do futuro? Moitas veces non está claro (e se cadra é aí onde nace esa inquietude). Segundo o seu creador, Charlie Brooker, ‘Black Mirror’ vai “de como vivimos agora – e como poderíamos estar a vivir dentro de dez minutos se somos torpes”.

E ese futuro tan próximo, tan recoñecible, tan palpable que é xa presente, é o que fai de ‘Black Mirror’ un produto audiovisual imprescindible que deberías estar xa a descargar. Aínda é posible.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *