As mellores series do século XXI

Para clasificar as mellores series do século XXI (primeira década do século XXI, máis ben) falta a perspectiva temporal. Pero se ben non me atrevería a falar dos mellores escritores do século XXI (se é que son quen de atopar algún), sobre as series dogmatizo sen ningún pudor. Pode que así as estea condenando a non ser máis que produtos de segunda -aínda que lin hai pouco que agora os mellores guionistas traballan para series- pero que lle imos a facer, polemizar é ben divertido.

Aviso dende xa que non vin todas as series que saíron nos últimos anos. Fáltanme clásicos como ‘The Wire’ o ‘O ala oeste da Casa Branca’ que non podo incluír porque son unha persoa de principios que só fala do que sabe. Así que aí vai a miña lista, persoal e intransferible.

1. ‘Lost’

Para min non hai ningunha dúbida sobre quen merece o primeiro posto. Máis alá do guión, das personaxes, da historia, etc, etc, ‘Lost’ marcou un antes e un despois na concepción das series. Foi a primeira serie que vin de forma compulsiva, deitándome ás catro da madrugada, veña, só un episodio máis. Converteu o concepto “serie” no produto cultural por excelencia de principios de século.

Polo demais, e á excepción da última tempada -onde todo quedaba moi forzado-, paréceme que conseguiron manter o interese de maneira maxistral. Supoño que ninguén o ignora a estas alturas da vida, pero ‘Lost’ vai dun grupo de pasaxeiros que tras un accidente de avión chegan a unha illa “misteriosa”. A deriva deses misterios levou aos guionistas a dar tombos aquí e acolá no transcurso da serie, pero insisto, conseguindo case sempre unha calidade excepcional e mantendo a nosa tensión polos aires.

Ai, se só tivese rematado co final que merecía sería sublime.

2.  ‘A dous metros baixo  terra’

‘A dous metros baixo terra’ está protagonizada pola familia Fisher, propietarios dun negocio funerario. Para que vos fagades unha idea do espírito desta serie direivos que o primeiro capítulo comeza coa morte do pater familias. E sen embargo… a serie está chea dun humor fantástico, ás veces negro, ás veces irónico e as máis das veces as dúas cousas. E falo de rir a gargalladas, eh? Non me sorprendeu cando aprendín que o creador era o guionista de ‘American Beauty’.

Debo precisar que a calidade decae a partir da terceira tempada, pero claro, comeza tan sumamente ben que é case imposible manter o listón.

3. ‘Mad Men’

Cando vin ‘Mad Men’ encantoume, aínda que debo confesar que isto de oír falar de ‘Mad Men’ por todas partes, que se a roupa, que se Don Draper, que se os anos 50… estivo a piques de facerme collerlles manía.

‘Mad Men’ recrea o ambiente dunha axencia de publicidade de Nova York nos anos 60: as ganas de medrar, o machismo, os cambios que se están a producir na sociedade, todo cun guión moi ben levado e moi rigoroso historicamente. A serie vai enganchando máis e máis a medida que avanza, malia que o certo é que se corre o risco de detestar ao protagonista. Polo demais as personaxes son todas fantásticas, ricas en matices e evolucionando constantemente.

4. ‘Os Soprano’

Outra confesión: nestes momentos estou namorada de Tony Soprano (o cal di moi pouco ao meu favor) e non me vexo capaz de ser imparcial. Empecei esta serie moi moi tarde, e tras ver os primeiros capítulos díxenme: tampouco é para tanto, non? Pois si que é, o universo do protagonista, un capo da mafia en Nova Jersey (que ten que acudir ao psiquiatra porque ten un traballo moi estresante), vai absorbéndote lentamente ata que chega un capítulo que xa está, non podes máis, convérteste (mentalmente) en Tony Soprano, e as súas inquietudes vólvense as túas. Pero é que ademais, conta cunha canteira interminable de personaxes secundarias moi interesantes e ben definidas.

O malo desta serie é que acabas pensando que os mafiosos son xente encantadora. Non sei que lles parecerá a eles.

5.  ‘House’

O punto forte desta serie é, sen dúbida, a personaxe do doutor House. Quero dicir, todo parece indicar que é unha serie de médicos máis, desas nas que coñecemos aos protas  e os seus amores e resolvemos un caso clínico por episodio. Pero o carácter de House embriágao todo, e para crear semellante personaxe, cuxa arma é a dialéctica, fai falla un moi bo guión.

Así, a personaxe evoluciona sen deixar nunca de sorprendernos e móstranos a dicotomía entre a súa brillantez médica e a súa inadaptabilidade social (aínda que resulta moi carismático, porque esa inadaptabilidade lle permite, en ocasións, ser moito máis certeiro sobre a condición humana).

6. ‘Os Tudor’

‘Os Tudor’ cóntanos a historia do rei máis famoso de Inglaterra: Enrique VIII , que fronte ao que todos cremos, só matou a dúas das súas seis mulleres. Aínda que non coñezo tanta historia como para poder avaliar canto é verdade e canto ficción, todo resulta moi verosímil e por riba interesante, xa que vén aderezado con paixón, ambición e intrigas varias. A conclusión é que a vida de palacio mola e que se nos ensinasen a historia así, ninguén se atrevería a dicir que é aburrida.

7. ‘Dexter’

Dexter é un policía forense con tendencias homicidas que decidiu aproveitalas para facer o ben e non o mal. Como? Matando só a “quen o merece”. É frío e calculador, un asasino perfecto, que sen embargo, empeza a ver a súa pericia cambalearse cando comeza a ter sentimentos.

Así, preséntanos unha trama de forense, pero cun atractivo engadido (é que ‘CSI’ é moi aburrida) na dobre vida do protagonista, que está aos dous lados do crime. Engancha desde a primeira escena, e mostra un humor negro  que convirte cada episodio nunha delicia.

8. ‘The IT Crowd’

As series de humor “surrealista” danme moito medo, pero ‘The IT Crowd’ aproba con nota. Fai rir de verdade, que é o seu obxectivo. Narra a historia do departamento de informática dunha empresa, moi minusvalorado e formado por un geek, un nerd e unha xefa que chegou por azar e pouco sabe de ordenadores. (E non, non fai falta saber nada de informática para gozar do humor, dou fe).

Os guións son para escachar da risa e as actuacións, perfectas. E por riba os episodios son moi curtos, polo que se poden ver en calquera momento e sempre queda un con ganas de máis. O capítulo sobre Facebook (perdón, Friendface) é para enmarcar!

9.  ‘En terapia’

En ‘En terapia’ cada episodio de media hora equivale a unha sesión no psicólogo. Así, cada día coñecemos a unha personaxe única e exclusivamente (con algunha licencia) nesa media hora de sesión. Polo que nesta serie, como podedes imaxinar, é todo diálogo. Chegamos a coñecer a cada un dos pacientes (unha enfermeira moi insegura, un marine con trauma post-guerra, unha ximnasta adolescente suicida, unha parella en crise e tamén ao psicólogo, pois os venres tócalle a el ser paciente), e aínda que ao principio unhas historias nos enganchan mais que outras, a medida que se desenvolve a serie, o noso espírito voyeur xa necesita sabelo todo de cada unha das personaxes.

A pesar da complexidade das historias a súa sinxela estrutura vólveas moi fáciles de degustar.

10. ‘Skins

Non estaba moi segura sobre se ‘Skins’ merecía ou non estar entre as dez mellores series do século XXI, porque non acabo de estar de acordo con certos xiros da trama (que non podo desvelar para non ser acusada de spoiler), pero o certo é que para ser unha serie de adolescentes presenta características moi interesantes. A primeira que os actores son de verdade adolescentes, algo ao que en España non estamos moi acostumados, e que se agradece. O segundo porque non xulga, non hai sentenza moral, os adolescentes son coma son (drogas, sexo e pouco máis) e nin está ben nin está mal. O terceiro porque cada dúas tempadas cambian as personaxes (e aínda que sexa difícil encariñarse cos novos polo menos non vemos as mesmas caras en 12 cursos seguidos). E por último porque presenta psicoloxías moi cribles, certo que pasan cousas non tan habituais, pero as personaxes están moi ben construídas.

Agora quero feedback, claro. Cal é o voso top 10?

 

Shares

    23 comentarios

    • Marina di:

      De acordo en 5 de 10 ;)

      Penso que ‘The big bang theory’ debería estar na lista…
      tamén tiraría ‘A dous metros beixo terra’ medio metro para abaixo, subindo ‘Dexter’ ó mesmo tempo.

    • Marina di:

      esquecinme de CSI!!!

    • Alexandre di:

      Aconselholhe, se é que nom as viu -se nom estám na lista seguro que é por isso- Breaking Bad e Misfits.

      Eu subiría Dexter e House. E quitaría Lost.
      Sí, quitaríaa. O bluff que foi a segunda tempada fíxome deixar de seguila ipso facto.

    • iaGo di:

      Moi de acordo con Lost, Soprano e Mad Men, a de dous metros non a vin, pero subiria a Tony ao segundo lugar do podio… Como din ahi arriba, Breaking Bad mereceria estar entre as primeiras, polo menos dende a miña perspectiva… E The Wire, eu tamén a teño pendente, pero segun criticas, profesionais e de amigos, merece estar ahi arriba…

    • leRoi di:

      Quen se pode resistir a un top ten, do que sexa. Dúas puntualizacións, e perdón pola seriedade; The Wire non é a mellor serie do século XXI, The Wire é o produto cultural audiovisual máis importante da historia do ser humano (e que non a pasen nas escolas non di nada bó de nós coma pais). 2ª: David Simon é o máis parecido a unha figura relixiosa que coñezo.

      1. The Wire
      2. The Sopranos
      3. Tremé
      4. The West Wing (ata que chimparon a Aaron Sorkin)
      5. In treatment (a 1ª temporada)
      6. Mad Men (ata a 3ª temp.)
      7. Six Feet Under
      8. Rome
      9. Generation Kill
      10. Family Guy

      Os Simpsons xa non o poño porque iso está por enriba de calqueira lista

    • Raquel di:

      En fin… se cadra peco de groupie, pero Downton Abbey paréceme estupenda!! (e non vin Lost nin ganas de vela)

    • Cris di:

      Buf…Teño que apuntar moitas na lista. The Wire será a seguinte sen dúbida, e despois quizais Breaking Bad, aínda que teño medo de que sexa deprimente (non o é?)

      Con The Bing Bang Theory definitivamente non estou de acordo. O primeiro capítulo estivo ben, pero despois non lle din collido o punto (aínda que non descarto que sexa cousa do meu sentido do humor).

      Downton Abbey veremos coa nova tempada se o merece. A que estiven a piques de meter foi The hour!!!

    • frenchchou di:

      The Wire, sen dúbida!

    • txiki di:

      Wallander, Luther, Accused, Red Ridding, State of Play, The Shadow Line, Exile, The Hour, The Thick of It, Shameless (uk). Así por exemplo :p

    • Ana Bulnes Ana di:

      The Hour! E despois de ver o primeiro da segunda tempada de Downton Abbey, eles tamén :)

    • MissQ. di:

      The Office, por suposto a orixinal de Ricky Gervais. Aínda me estou rindo do capítulo no que dan a típica sesión de formación para mellorar o rendemento e o traballo en equipo … Estupendo Martin Freeman, que me está á nova versión de “Sherlock”

    • eva di:

      “Carnivale”…guión, actores, fotografía, a intriga de querer ver un episodio tras outro…unha marabilla!!!

    • Six Feet Under, The Sopranos, Little Britain, The Big Bang Theory, How I met Your Mother, The Good Wife, The IT Crowd, In Treatment, Modern Family

    • Riqee di:

      Homeland, con só 2 tempadas, merece estar aí arriba.
      Breaking Bad, á espera de coñecer o final este verán, tamén.
      Concordo con The IT Crowd, pero postos a rir cunha serie inglesa non esquecería Shameless, que aínda que ás veces falla coa trama, ten puntos gamberros sublimes!

    • Alicia di:

      Alégrome de que mencionedes ós Tudor, cada capítulo é grandioso, non só polo guión, que mola, senón tamén polo vestuario, os decorados e a realización. Uns cracks!

    • Raquel de Penas di:

      O meu top 10 non é todo do século XXI así que aquí engadiría “Prison Break”, “Fringe”, “Sherlock” e “Game of Thrones”.

      Un bico!

    • Tania di:

      Estou BASTANTE de acordo, o que daría para unha boa sesión de debate. Sempre é agradable falar de series con alguén que pon Lost como a primeira da lista!

    • Silvosa di:

      Alegrame ver en esta lista Skins, que en xeral se ten infravalorado polo feito de seren adolescentes ( e con razón prexulgar tendo en conta as de adolescentes en España). Engadiría tamén series como Utopía, Misfits, Banana e Orange is the new black, ainda que xa esta terceira tempada me gustou moito menos

    • Pedrín di:

      Es personal la lista pero…. UF
      The Wire y The Sopranos son top2 indiscutible. Y Breaking Bad menos mal que no ha entrado, es el hype más grande desde Lost…

      ¿Nadie se acuerda de Deadwood?
      ¿No hay animación (Adventure time)?
      ¿Nada nuevo (Fargo)?
      ¿Europa (La meglio gioventù, Mistérios de Lisboa)?
      Lo de las comedias ya es algo más personal (Bored to Death, Louie, Curb Your Enthusiasm, The Thick of It…)

    • raticulín di:

      As miñas series favoritas do século XXI son Cuétanme, Física y Química e SMS, resulta indignante que ninguén se lembre delas ao facer listaxes como estas…
      UN POUCO DE CRITERIO PLS

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *